R, a operadora galega integrada no grupo MasOrange, fixo preto de 400 intervencións na súa rede móbil en ata 217 municipios galegos cun forte incremento de poboación durante o verán para garantir a capacidade e calidade do seu servizo perante o pico de tráfico en zonas costeiras e destinos turísticos durante a tempada estival.
Segundo informa máis en detalle no seu balance, as intervencións realizadas nos últimos meses na rede 5G e 4G de R e MasOrange na comunidade galega destináronse a incrementar a capacidade dispoñible e a mellorar a cobertura efectiva, especialmente en interiores e zonas de menor conectividade. Estes traballos inclúen a optimización de estacións base (antenas), a densificación da rede e a incorporación de novas capas de frecuencia para mellorar a transmisión do sinal. O obxectivo é “absorber o aumento do tráfico de datos, mantendo os altos estándares de calidade, velocidade e latencia da rede de R e de MasOrange, mesmo en momentos de alta demanda”, informou R, engadindo que o reforzo da rede 5G resulta especialmente relevante nun contexto onde o tráfico de datos segue a medrar de forma sostida, habida conta de que a cobertura desta tecnoloxía abrangue, no caso de R e MasOrange, a máis do 97 % da poboación en Galicia.
“En paralelo, a rede 4G continúa a ser esencial para garantir a continuidade do servizo en todo o territorio, o que explica o volume de actuacións destinadas á súa optimización”, apuntou a empresa galega, engadindo que “en consonancia coa súa estratexia de excelencia na calidade do servizo, o grupo
MasOrange responde aos padróns actuais de consumo dixital dos seus clientes/as, garantindo que poidan gozar do maior uso de vídeo, redes sociais e servizos na nube en períodos de lecer e desprazamentos masivos, para seguiren en contacto e compartiren os seus mellores momentos con familiares e amigos”.
Reforzo da infraestrutura en 217 municipios de interese turístico
R e MasOrange aclararon tamén que todas estas actuacións súmanse aos labores de mantemento que “facemos de xeito continuo na nosa rede, con especial atención durante os meses de verán en zonas turísticas”. En termos agregados, a pegada da rede estival de MasOrange acada preto de 1.100 nodos (puntos de rede que poden enviar, recibir ou redirixir información) repartidos por 217 concellos considerados de alto tráfico durante o verán.
“Esta capilaridade da infraestrutura permite xestionar de forma eficiente o incremento da demanda nun período caracterizado pola mobilidade xeográfica de usuarios/as e a concentración temporal en determinados destinos”, engadiron.
MasOrange enmarca estas actuacións dentro da súa estratexia de investimento en redes, orientada á modernización continua da súa infraestrutura e á extensión de capacidades tanto en 5G (incluídas as novas tecnoloxías 5G SA e 5G Advanced) como en 4G, para garantir a maior calidade e dispoñibilidade de servizo en todo o territorio.
Alfredo Ramos, director de R e territorial de MasOrange en Galicia, asegurou que “o maior tráfico de datos no verán esixe planificar e executar anticipadamente reforzos na rede para responder á mobilidade das persoas e garantir que os nosos servizos dixitais manteñan a súa plena dispoñibilidade. Sobre todo, en zonas con alta concentración no verán e en localizacións específicas como praias, portos, áreas recreativas e outros núcleos de interese”.
R e MasOrange fan preto de 400 intervencións na súa rede móbil en Galicia para garantir a conectividade no verán
Compartir Este Artigo

