A Deputación de Pontevedra lanzou unha Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos (OTAC) e deu novos avances cara unha administración máis áxil e transparente. Trátase dun espazo deseñado para liderar a transformación dixital dos 59 concellos da provincia. O seu obxectivo prioritario é garantir que as entidades locais dispoñan de persoal técnico especializado, infraestrutura TIC segura e servizos dixitais homoxéneos de calidade.
Mediante esta oficina tecnolóxica, a Deputación de Pontevedra pretende centralizar e canalizar todos os servizos e as accións de soporte e asistencia aos municipios relacionados coas novas tecnoloxías, concretamente os referidos ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Os destinatarios dos servizos que inclúe a OTAC son os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra.
En palabras do presidente provincial, Luis López, “a política de atención aos concellos non se limita só aos fondos ou a executar os proxectos que eles non poden. Vai máis aló. Trátase de aforrar custos e rachar barreiras coa tecnoloxía e de aí nace a administración electrónica, a dixitalización do padrón, a plataforma de contidos DepoPlay ou a Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos”.
Pola súa banda, o deputado responsable do servizo provincial de Novas Tecnoloxías, Ricardo Martínez, destacou a OTAC como “espazo aberto aos concellos, desde o que estamos a liderar a transformación dixital, con servizos públicos seguros, modernos, homoxéneos e de calidade para construír unha provincia conectada e dixital”.
A Deputación de Pontevedra lanza a Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos (OTAC)
Compartir Este Artigo

