A terceira xornada das XVII Leccións Internacionais da USC puxo o foco en fenómenos tecnolóxico-xacobeos como a peregrinación na era dixital ou o proxecto Portomarín Virtual. O encontro celébrase no Museo das Peregrinacións de Compostela e no seu marco expertos analizan o Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo.
A xornada arrincou co relatorio Pórtico da Gloria: os segredos da cor na pedra compostelá a cargo de Miguel Taín Guzmán, catedrático de Historia da arte pola USC e fundador e director destas xornadas, quen compartiu as conclusións do Estudo das distintas capas de policromía identificadas no Pórtico da Gloria, analizadas pola empresa Petra Restauración e terminadas de restaurar en 2018 polo equipo coordinado polo Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE).
Trala intervención de Taín Guzmán, a quenda de palabra foi para Diego Allen-Perkins Avendaño, profesor axudante e doutor do Departamento de Filosofía e Antropoloxía da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Instituto de Investigación en Humanidades-iHUS, quen defendeu o seu relatorio Entre sendas e algoritmos: autenticidade dixital e peregrinación no Camiño 2.0.
Allen-Perkins Avendaño explicou como a conectividade dixital reconfigura a experiencia contemporánea da peregrinación no Camiño de Santiago. Sinalou que a partir dunha etnografía con peregrinos e peregrinas, a conectividade non reduce a autenticidade, senón que xera novas formas de vivir a peregrinación, artellando inmersión, coordinación, memoria e continuidade dixital máis aló do propio Camiño.
Pechaba a quenda matinal destas xornadas Michele Alesi, estudante do Máster en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, coa súa investigación Santiago de Compostela e Pistoia: articulación dun patrimonio histórico compartido cara ao irmandamento institucional. Unha investigación que lle reportou o Premio a Traballo de Fin de Máster da Cátedra do Camiño.
Pola tarde o Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da capital galega acolleu a presentación do proxecto Portomarín Virtual, gañador do Premio Synergy Grant da Unión Europea para formar parte do 3DBigDataSpace Project, coordinado por Time Machine Organisation (TMO).
Julio Vázquez Castro, profesor titular de Historia da Arte Medieval, e Jesús Ángel Sánchez García, catedrático de Historia da Arte, ambos da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de Carlos Paz de Lorenzo e Anxo Miján Maroño, especialistas en virtualización do Patrimonio, os dous do CIAG (Centro Infográfico Avanzado de Galicia) están á fronte desta iniciativa.
O proxecto interdisciplinar nace a raíz do asolagamento da antiga vila de Portomarín en 1963, debido á construción do encoro de Belesar baixo a ditadura franquista, que supuxo a desaparición dunha importante vila medieval situada no Camiño de Santiago que era, ademais, Conxunto Histórico Artístico desde 1946.
Con axuda do College of William Mary (USA) e do Galiverso (Xunta de Galicia) concluíronse os traballos a finais de 2023, recibindo o premio á Mellor ferramenta, recurso, infraestrutura desenvolvida en 2023 pola Sociedad Internacional Humanidades Digitales Hispánicas (2024). Logo, en 2025, formou parte do programa europeo 3DBigDataSpace project coordinado por Time Machine Organisation (TMO), desenvolvido durante 2026 coa inclusión da recreación virtual nos repositorios Zenodo e Europeana.
Xornadas organizadas pola Cátedra do Camiño
As xornadas, organizadas pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións enmárcanse nos cursos de verán que promove a USC, e están dirixidas por: Miguel Taín Guzmán, catedrático de Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e fundador e director das Leccións Xacobeas Internacionais, e Domingo González Lopo, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela e director da Cátedra UNESCO sobre Migracións da Universidade de Santiago.
Contan co patrocinio da USC, da Xunta de Galicia, Xacobeo e a Catedral de Santiago. Así mesmo, colaboran o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Diocesano, o Concello de Tui, o Instituto de Estudos Tudenses, a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago, o Instituto de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela e a entidade Investigación e Desenvolvemento en Artes e Humanidades.
As xornadas xacobeas da USC afondan na peregrinación na era dixital e presentan o proxecto Portomarín Virtual
Compartir Este Artigo

