
A Comisión Europea impuxo dúas sancións a Google por un importe conxunto de 890 millóns de euros ao considerar que incumpriu distintas obrigas recollidas na Lei de Mercados Dixitais (DMA). En concreto, a empresa de Mountain View deberá afrontar unha multa de 460 millóns de euros polo trato preferente aos seus propios servizos nos resultados do buscador de Google e outra de 430 millóns de euros polas restricións impostas aos desenvolvedores de aplicacións en Google Play para informar os usuarios sobre canles alternativas de compra.
A investigación concluíu que Google favorecía os seus propios servizos (como compras, hoteis, transporte ou resultados deportivos) fronte ás plataformas de terceiros dentro do seu buscador. Segundo a Comisión, esta práctica vulnera a DMA, que obriga os chamados gardiáns de acceso a aplicar condicións transparentes, xustas e non discriminatorias á clasificación dos resultados.
Bruxelas sinala que os servizos propios de Google aparecen destacados nas primeiras posicións das páxinas de resultados, acompañados de elementos visuais e filtros específicos, mentres que os servizos equivalentes de terceiros non reciben o mesmo tratamento nin visibilidade.
As dúas decisións que adoptamos hoxe confirman a nosa determinación de aplicar a Lei de Mercados Dixitais para protexer as empresas e a innovación. Concluímos que Google prexudica as empresas que ofrecen servizos similares, como os de compras ou deportes, ao non lles conceder o mesmo nivel de visibilidade en Google Search. Tamén constatamos que Google restrinxiu aos desenvolvedores de aplicacións a posibilidade de ofrecer aos clientes ofertas máis económicas na tenda Google Play. Google debe agora poñer fin a estes incumprimentos e absterse de repetilos no futuro. As decisións de hoxe envían unha mensaxe clara: non dubidaremos en empregar as nosas ferramentas para protexer as oportunidades empresariais e de innovación que abre a Lei de Mercados Dixitais.
Henna Virkkunen, vicepresidenta executiva para Soberanía Tecnolóxica, Seguridade e Democracia
A segunda decisión céntrase nas normas de Google Play. A Comisión considera que Google impediu aos desenvolvedores comunicar libremente aos seus clientes a existencia de ofertas alternativas, normalmente máis económicas, e dirixilos cara a elas mediante páxinas web ou tendas de aplicacións de terceiros.
A investigación tamén conclúe que as comisións que Google aplica aos desenvolvedores pola captación inicial de clientes a través de Google Play, así como a duración dese período de cobro, exceden o que a Comisión considera compatible coa DMA.
Como parte das decisións adoptadas, Bruxelas ordena a Google poñer fin a estas prácticas. A empresa deberá garantir un tratamento xusto e non discriminatorio aos servizos de terceiros que aparecen nos resultados do buscador e permitir que os desenvolvedores distribúan aplicacións mediante Google Play podendo informar, promocionar ofertas e formalizar contratos cos usuarios tanto dentro como fóra da tenda de aplicacións.
A Comisión recoñece, con todo, que durante o proceso de diálogo Google presentou e comezou a probar cambios na presentación dos seus propios servizos gratuítos no buscador de Google, incluídos os relacionados con compras, hoteis e voos. Tamén iniciou probas con modificacións na presentación dos anuncios de compras e dos servizos relacionados con contidos deportivos. Bruxelas continuará avaliando estas medidas, así como as propostas da empresa para aplicar os principios da decisión ás funcións Escolma xerada por IA e Modo IA.
Tamén se están a analizar os cambios xa introducidos por Google nas condicións que regulan a comunicación de ofertas alternativas desde Google Play, que a Comisión considera un avance significativo cara ao cumprimento da normativa.
As multas tiveron en conta a gravidade e a duración dos incumprimentos detectados. Google dispón agora de 60 días para adaptar a súa actividade ás decisións da Comisión. En caso contrario, podería enfrontarse a multas coercitivas periódicas de ata o 5 % da súa facturación mundial. Cómpre salientar que as presentes sancións aínda poden ser recorridas ante os tribunais da Unión Europea.

