
Co obxectivo de continuar mellorando a calidade dos servizos que presta no seu centro de atención diúrna, a Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos vén de acometer un proceso de renovación do seu equipamento informático, dixital e mobiliario, ademais de incorporar novos recursos orientados á formación e á promoción da autonomía persoal das persoas participantes.
Dende AGORA lembran que estas actuacións puideron materializarse con financiamento procedente do 0,7 % do IRPF, a través das achegas das persoas contribuíntes que marcan a casa 106 de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecida como X Solidaria e xestionadosos, xestionados pola Xunta de Galicia, que permiten impulsar proxectos de modernización e mellora nas entidades do Terceiro Sector.

Entre as actuacións realizadas destaca a renovación dos equipos informáticos empregados polo persoal profesional nas distintas actividades da entidade, substituíndo aqueles que xa quedaran obsoletos. Ademais, incorporáronse novas ferramentas dixitais destinadas a fortalecer as competencias tecnolóxicas das persoas participantes, favorecendo a implantación de metodoloxías innovadoras que complementan as intervencións terapéuticas tradicionais co uso das novas tecnoloxías.
Estes recursos contribúen a mellorar a estimulación cognitiva, potenciar a aprendizaxe e fomentar unha participación máis activa das persoas con discapacidade nas actividades do centro”, sinala a asociación, que adquiriu novo mobiliario e dotou as súas instalacións de equipamento específico para a creación dun obradoiro prelaboral de limpeza. Esta iniciativa está orientada á adquisición de competencias laborais, ao desenvolvemento da autonomía persoal e á mellora das oportunidades de inclusión sociolaboral das persoas participantes da área ocupacional.

Con estas actuacións, a Asociación AGORA reafirma o seu compromiso “coa innovación, a transformación dixital e a mellora continua dos seus recursos, promovendo servizos máis eficientes e adaptados ás necesidades e proxectos de vida das persoas con discapacidade, co obxectivo de favorecer o seu desenvolvemento persoal, social e comunitario”.

