Ribadavia acolleu onte a entrega de premios da campaña Merca no teu Comercio da provincia de Ourense, desenvolvida entre o 1 e o 15 de xullo nos concellos de Ribadavia, Castrelo de Miño, A Arnoia, Cenlle e Leiro. A iniciativa enmárcase na colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio para dinamizar o comercio de proximidade e impulsar as vendas nos establecementos locais. Na cita participou o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.
Coma nas restantes campañas quincenais que se están a desenvolver por toda Galicia e que se prolongarán ata o vindeiro mes de outubro, entregáronse 20 tarxetas agasallo de 50 euros cada unha ás persoas gañadoras que rexistraron as súas compras na páxina web da campaña, onde tamén se poden consultar o calendario das próximas campañas e as bases da iniciativa.
Alén lembrou que esta edición chegará a un total de 40 localidades galegas, con dez campañas por provincia. Salientou tamén que a iniciativa presta especial atención aos municipios do rural que non contan con centros comerciais abertos, contribuíndo a incentivar o consumo nos negocios de proximidade. Así mesmo, destacou o alcance da campaña, que suma xa máis de 58.000 tíckets rexistrados en toda Galicia, dos cales arredor de 11.600 corresponden á provincia de Ourense. Ao remate desta edición teranse repartido 40.000 euros en premios, distribuídos en 800 tarxetas prepago, 200 por provincia.
O director xeral puxo tamén en valor o papel das persoas consumidoras, que “coas súas decisións de compra contribúen a manter vivo un sector estratéxico para Galicia, xerador de emprego, dinamizador da economía local e fundamental para preservar a vitalidade das vilas galegas”. Do mesmo xeito, salientou a colaboración coa Federación Galega de Comercio, entidade coa que a Xunta impulsa esta iniciativa e outras accións de dinamización comercial, como Días Azuis, ao abeiro do convenio anual vixente. Na provincia de Ourense, a vindeira cita desenvolverase entre o 1 e o 15 de setembro en Castro Caldelas, San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Parada de Sil, A Teixeira e Manzaneda.
Mercanoteucomercio.com entrega os premios da súa sexta campaña en Ourense
Compartir Este Artigo

