O Maratón de Galeguidades, o maratón en liña da Deputación da Coruña producido polo IGADI, emítese hoxe entre as 9 e as 20 h pola canle de YouTube e as redes do IGADI, con Alba Mancebo e Miguel Canalejos na presentación. Á programación xa anunciada súmanse agora novos nomes do humor e da creación dixital en galego.
O actor, comunicador e performer Touriñán será unha das participacións sorpresa desta terceira edición, nunha aparición non anunciada ata estas horas previas ao evento en liña. Con el intervirán tamén Konachadas, Prado Rúa e Galego de Caracas, xunto a outras colaboracións que “farán da xornada unha experiencia próxima e áxil”, informou o IGADI.
Estas incorporacións súmanse aos contidos xa confirmados: as conexións coa Irmandade Galega de Venezuela, o Centro Galego de Barcelona e as asociacións de galegos de Australia e Irlanda, así como os episodios de autor de Orgullo Galego, o Festival Emigrason de Bruxelas, Olaxonmario, Podgalego e o xornalista de videoxogos e profesor da Universidade de Vigo, Ramón Méndez.
Ao longo da emisión celebraranse as Pausas de Hidratación, nas que se dará conta do impacto do Maratón nas redes sociais e se resolverá o concurso dunha edición especial de 25 libros do IGADI Ano Castelao: Buenos Aires, Quilómetro cero. A participación permanecerá aberta nas redes do Maratón ata as 20 h do venres, e os exemplares enviaranse a calquera punto do mundo.
Na véspera do Día de Galicia, e no ano do XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas (que se celebrará no Brasil o 11 e 12 de novembro), o IGADI define o Maratón de Galeguidades da Deputación da Coruña como “un exercicio de intelixencia colectiva e diplomacia pública para poñer en valor a diáspora galega como ferramenta de proxección internacional de Galicia”.
A emisión seguirase en directo dende galeguidades.hub.gal e as redes do IGADI.
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) é un think tank sen fins de lucro fundada en 1991 en Galicia. O seu obxectivo principal é investigar, reflexionar e difundir información sobre a xeopolítica, as relacións internacionais e a acción exterior de Galicia.
Touriñán súmase por sorpresa ao Maratón de Galeguidades
Compartir Este Artigo

