
Un total de 139 profesionais participaron nos oito cursos de alta especialización en ciberseguridade promovidos pola AMTEGA e a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. Estas accións formativas, desenvolvidas entre abril e xuño no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), tiñan como finalidade reforzar as competencias do tecido empresarial galego nun ámbito clave para a transformación dixital.
Os oito cursos, impartidos completamente en liña, sumaron 187 horas lectivas e abrangueron áreas de especialización como a ciberseguridade industrial, os sistemas OT, os vehículos conectados e eléctricos, a análise forense de redes e a seguridade en dispositivos IoT. A formación permitiu que a maior parte do alumnado obtivese ou puidese acceder a certificacións profesionais recoñecidas.
As valoracións do alumnado foron moi positivas, cunha puntuación media de 9,33 sobre 10 para a docencia e de 9,24 sobre 10 para os cursos. Os participantes destacaron especialmente o elevado nivel técnico dos contidos, a cualificación do profesorado e a aplicación práctica dos coñecementos adquiridos na súa actividade profesional. A taxa de finalización acadou o 93,5 %.
Esta iniciativa forma parte do Programa RETECH Ciberseguridade, impulsado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), co propósito de reforzar as capacidades tecnolóxicas e a especialización profesional neste ámbito. Os resultados do programa presentáronse na comisión de seguimento celebrada esta semana, na que participaron o director da AMTEGA, Damián Rey, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado.
