
O vindeiro 12 de agosto en boa parte de Galicia vaise poder observar unha eclipse total de Sol, un fenómeno que en Galicia non vivimos desde hai máis de 100 anos. Este acontecemento está a xerar unha chea de dúbidas lingüísticas e terminolóxicas entre a poboación sobre os detalles dun acontecemento tan relevante, dúbidas que tamén afectan aos medios de comunicación, aos profesionais da divulgación científica e ás persoas afeccionadas á astronomía.
Co obxectivo de poñer ao seu dispor unha ferramenta útil que poidan manexar de xeito doado e que difunda a terminoloxía esencial en galego vinculada con este fenómeno, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago publicou en liña un glosario que recolle preto de 100 rexistros, con, como mínimo, a definición do concepto, a denominación en galego e os equivalentes en español e inglés.

