
A estrea bolsista de ChangXin Memory Technologies (CXMT), o maior fabricante chinés de memorias DRAM, saldouse cunha espectacular subida superior ao 470 % na súa primeira sesión de negociación no mercado Star da Bolsa de Shanghai. A forte revalorización elevou a súa capitalización ata preto de 424 mil millóns de euros (ao cambio), converténdoa na empresa cotizada con maior valor da China continental.
O debut prodúcese nun momento de elevada volatilidade para o sector tecnolóxico internacional, marcado por importantes correccións bolsistas nas últimas semanas. A pesar dese escenario, a demanda polas accións de CXMT superou amplamente a oferta dispoñible.

Fundada en 2016 por Zhu Yiming e con sede en Hefei (provincia de Anhui), CXMT está especializada na fabricación de memorias DRAM empregadas en centros de datos para intelixencia artificial, teléfonos móbiles, ordenadores, tabletas e outros dispositivos electrónicos. Os fondos obtidos coa oferta pública de venda destinaranse principalmente á ampliación da capacidade produtiva e ao reforzo das actividades de investigación e desenvolvemento.
O éxito da operación tamén representa un respaldo para os esforzos das autoridades chinesas por revitalizar os mercados financeiros tras as fortes perdas rexistradas recentemente. Ademais, evidencia o interese dos investidores locais por impulsar fabricantes nacionais de semicondutores, nun contexto no que Pequín continúa promovendo a autosuficiencia tecnolóxica do país.
O mercado mundial das memorias DRAM continúa dominado por Samsung Electronics, SK Hynix e Micron, compañías que concentran aproximadamente o 90 % da produción global. Precisamente, SK Hynix protagonizou este mes a maior saída a bolsa dunha empresa estranxeira nos EE.UU., ao captar 26.500 millóns de dólares mediante a venda de accións na Nasdaq. O fabricante surcoreano, un dos principais provedores de chips de memoria para nVIDIA, chegou a dispararse un 17 % na súa primeira sesión de cotización antes de moderar parte desas ganancias.
