
Nesta última semana de xullo, o martes 28 e o xoves 30, o concello de Guitiriz será o protagonista dos obradoiros Girl STEAM, unha iniciativa de divulgación tecnolóxica organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a rede de aulas CeMIT.
Baixo o título Casa Domótica Accesible, o obradoiro propón un reto actual e divertido: deseñar unha casa sostible e eficiente. A través desta actividade práctica, a rapazada aprenderá a aplicar a tecnoloxía para crear espazos máis intelixentes, respectuosos co medio ambiente e libres de barreiras para todas as persoas.

O CPETIG lembra que o principal obxectivo do programa Girl STEAM é “romper fendas de xénero e espertar vocacións tecnolóxicas temperás, promovendo un uso consciente, crítico e puramente creativo das ferramentas dixitais entre a mocidade galega”.
Os obradoiros combinan actividades prácticas de robótica, creación audiovisual e programación creativa, fomentando valores e competencias clave para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade.
Este ano traballase co kit de placas Arduino e empregarase Mblock como contorna de programación.
No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía, o uso creativo da tecnoloxía (máis aló do mero uso e consumo), a colaboración e o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.
As persoas interesadas en asistir a esta formación poden consultar as actividades programadas a través da páxina web da Rede CeMIT, na que poderán realizar a súa inscrición.

