
A través do deseño dunha serie de microcontidos formativos, un proxecto de innovación educativa que se leva a cabo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte explora as posibilidades de Instagram como ferramenta docente.
Coordinada pola profesora Yaiza Taboada, esta iniciativa busca afondar nas posibilidades desta rede social para estender “a aprendizaxe máis aló das aulas”, favorecendo “o desenvolvemento de competencias analíticas e reflexivas”, sinala.
Así, abrangueu a creación de perfís específicos para dúas materias do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, nos que foron publicándose contidos como retos semanais, exercicios de análise de vídeos ou resumos de puntos clave abordados na materia.
Nove docentes participan nun proxecto que xorde da “necesidade de buscar fórmulas que nos permitan conectar co noso alumnado”, nun contexto marcado pola súa “forte adherencia a contidos inmediatos e de fácil acceso”, apunta Taboada.
Baixo o título de Redes que ensinan: Uso de Instagram como recurso de aprendizaxe activa e interacción educativa, o seu obxectivo central é “integrar o uso” desta rede social como ferramenta docente, que contribúa a mellorar a motivación e a implicación do estudantado, promovendo “unha aprendizaxe activa”, así como unha “alfabetización dixital crítica”.

Xunto a accións formativas para o profesorado, o proxecto abrangueu dúas experiencias dirixidas a avaliar o potencial de Instagram como recurso educativo, levadas a cabo “con dúas perspectivas diferentes, unha máis participativa e outra máis divulgativa”, en dúas materias do Grao en Ciencias da Actividade e do Deporte.
Coa participación de preto dun cento de estudantes, incluíron a creación dun perfil específico de cada materia, ao que, durante sete semanas, ían incorporándose unha serie de publicacións, deseñadas a partir das “necesidades detectadas” na formación do alumnado.
Coa idea de que compartisen “as súas opinións e respostas dunha maneira máis libre, sen sentirse xulgados”, participaban a través de perfís privados e “anonimizados”, sen nomes nin fotos.
O obxectivo era que cada publicación constituíuse “unha unidade breve de aprendizaxe, autoavaliación e interacción”. No caso da materia Fundamentos dos deportes ximnásticos, esta iniciativa centrouse no bloque de contidos sobre habilidades ximnástico-acrobáticas e un dos puntos de partida das propostas deseñadas foron as dificultades do alumnado para percibir erros en determinados elementos ximnásticos.
Tamén se xerou un perfil para a materia Expresión corporal e danza, centrado principalmente en compartir co alumnado contidos sobre bailes de diferentes modalidades ou disciplinas, así como propostas de expresión corporal. Neste caso, explica a investigadora do grupo Gies-10, o obxectivo era proporcionarlles “ferramentas e recursos” para o desenvolvemento da composición coreográfica que tiñan que realizar ao remate da materia, así como ampliar os contidos da aula.
Completada a experiencia nestas dúas materias, o proxecto atópase actualmente na “fase de análise de resultados”, explica Taboada, que incide en que o obxectivo agora é coñecer o que esta iniciativa supuxo para o alumnado. Con ese propósito, deseñouse un sistema de rúbricas dirixido a avaliar a calidade das interaccións do estudantado, ao tempo que se realizou tanto unha enquisa inicial como outra final, dirixida a coñecer a súa valoración da experiencia.
Entre os obxectivos do proxecto atopábase tamén formar ao profesorado da facultade “nas posibilidades didácticas das redes sociais, no uso educativo de Instagram e na xeración de contidos audiovisuais”, explica.
