
A Intelixencia Artificial incorpórase á Domus da Coruña para complementar os contidos expositivos do museo e ofrecer unha experiencia interactiva máis rica, que convida o público a descubrir o ser humano desde novas perspectivas.
A iniciativa, desenvolvida coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) (entidade dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades), reúne cinco xogos interactivos cos que explorar a IA, tanto polas súas aplicacións en ámbitos como a arte ou a bioloxía como polo xeito en que aprende.
No módulo Historia da IA, o público pode desprazar un cursor nunha pantalla táctil para percorrer os principais fitos da historia da Intelixencia Artificial. Mediante unha liña do tempo visual e lúdica, é posible descubrir como se chegou ata a situación actual e de que maneira a IA transformou a forma de vivir, traballar, aprender e comunicarse.
O módulo Emocionarte propón seleccionar tres emocións que representen o estado de ánimo de cada visitante para comprobar como un modelo de IA xenerativa as converte nunha obra de arte abstracta. Outro dos espazos, Deseña unha proteína, preséntase como un xogo arcade que explica como a IA contribúe nos laboratorios ao deseño de novas proteínas con potencial para impulsar a investigación.
No módulo O espello es ti, a silueta do visitante convértese nun lenzo sobre o que explorar a identidade doutras épocas e culturas a través das súas indumentarias tradicionais. Pola súa banda, Redes en xogo permite descubrir as diferenzas entre a maneira en que o cerebro humano e unha rede neuronal artificial aprenden a recoñecer patróns para interpretar a realidade.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou estas novidades divulgativas incorporadas á Domus e asegurou que se trata dun «motor de difusión científica e coñecemento que sempre está na vangarda, neste caso visibilizando o impacto positivo que pode ter a Intelixencia Artificial no conxunto da sociedade, regulada e ben aplicada».

