
A intelixencia artificial está a revolucionar o panorama empresarial a nivel global, e no epicentro desta transformación destacan, cada vez máis, talentos galegos tecnolóxicos. Como por exemplo o de Víctor Iglesias Fuertes (Ourense, 1985), actual director de IA e Operacións na consultora de mercadotecnia dixital Góbalo. Ás súas costas ten case dúas décadas de traxectoria en estratexia, comunicación e tecnoloxía.
Ao longo da súa carreira, Iglesias participou activamente en preto de medio centenar de proxectos de primeiro nivel. En concreto, o seu cartafol abrangue colaboracións internacionais con empresas referentes nos seus sectores como Chicago Bears, HBO, Universal Music ou Goya Europa, así como proxectos de gran relevancia nacional para firmas como DHL, Endesa, Roche, Ecoembes ou Gigas.

A pesar da súa proxección global e de desenvolver a súa actividade principal desde Madrid, recoñece que nunca perdeu a súa conexión directa con Galicia. No ámbito autonómico, colaborou en proxectos para a adega Viña Costeira, a Xunta de Galicia ou o Concello de Ourense.
Víctor explica que “a irrupción da intelixencia artificial está a obrigar ao sector da mercadotecnia a repensar os seus procesos: desde a personalización masiva de contidos ata a automatización analítica”. Para Iglesias, o verdadeiro reto non radica unicamente en dominar a ferramenta: “A intelixencia artificial non vén substituír a estratexia, senón a esixirnos máis criterio ca nunca. Levo case 20 anos nisto e nunca vira un cambio de paradigma tan rápido” explica Víctor Iglesias, engadindo que “aínda que o meu traballo me levara a Madrid, Ourense segue sendo o meu punto de partida: aquí aprendín a comunicar, e sigo vindo sempre que podo”.
Iglesias compaxina o seu labor directivo cunha intensa actividade docente. Ao longo da súa carreira formou en Marketing e Intelixencia Artificial a 920 alumnos de máis de 15 nacionalidades. É profesor do Máster en Dirección de Arte da Universidade de Vigo desde hai oito anos e colabora activamente coa UNIR (Universidade Internacional da Rioxa) en varios dos seus programas de posgrao (MBA, Dirección de Marketing e Marketing Digital).
A nivel local, destaca a súa colaboración co Centro Galego de Innovación da Formación Profesional (CGIFP Eduardo Barreiros), onde formou en marketing, comercio e emprendemento a 25 docentes de FP de toda a comunidade.
Estes fitos son a evolución natural dunha carreira que deu os seus primeiros pasos na súa terra. Antes do seu chimpo a Madrid, Iglesias traballou durante sete anos (2008-2015) como técnico en Comunicación, Creatividade e Relacións Públicas no Concello de Ourense, e colaborou tanto no Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia como en medios de comunicación locais (prensa, radio e televisión).

