
O Consello da Xunta aprobou o decreto que regula o Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado e o servizo de asistencia para a identificación e a sinatura electrónica, unha medida orientada a ofrecer apoio no uso da Administración dixital ás persoas que carecen dos medios ou dos coñecementos necesarios. A iniciativa busca garantir un acceso universal aos servizos electrónicos da Administración e está especialmente pensada para persoas maiores con escasas competencias dixitais.
A norma, prevista tanto na lexislación estatal como na autonómica sobre Administración dixital, afecta ao persoal funcionario en activo que presta atención presencial nas oficinas da Xunta, así como ao encargado da expedición de copias auténticas ou da identificación e sinatura electrónica en determinados procedementos. Este persoal poderá asistir ás persoas físicas que necesiten axuda para realizar trámites electrónicos. Para iso, será suficiente con solicitar a asistencia nunha oficina de atención á cidadanía e rexistro ou, cando corresponda, na dependencia do órgano tramitador, identificarse e prestar o consentimento expreso para cada actuación mediante o formulario habilitado.
O persoal funcionario habilitado poderá utilizar os sistemas de identificación e sinatura electrónica en nome da persoa interesada, pero non terá acceso ao contido da documentación presentada nin verificará a súa autenticidade ou o cumprimento dos requisitos do procedemento.
O decreto tamén contempla que outras administracións públicas galegas, como concellos e deputacións, poidan incorporarse de maneira voluntaria a este rexistro mediante a sinatura dos correspondentes convenios.
O texto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, mentres que o rexistro comezará a funcionar tres meses despois.
O Rexistro do Persoal Funcionario Habilitado súmase a outras iniciativas impulsadas pola Xunta para favorecer o acceso universal á Administración dixital, entre elas o Rexistro Electrónico Xeral de Empoderamentos, que permite autorizar outra persoa para realizar trámites en representación propia.
Tamén continúa o desenvolvemento de asistentes conversacionais baseados en intelixencia artificial, como a Plataforma Conversa, para a que están previstos catro proxectos piloto destinados a avaliar o potencial desta canle de atención á cidadanía.
