
A Mesa pola Normalización Lingüística convocou unha concentración para este martes 4 de agosto, ás 11.00 horas, na rúa Príncipe de Vigo, para denunciar o que cualifica como un caso de discriminación por motivos lingüísticos sufrido por unha clienta galegofalante nun establecemento de K-tuin.
Segundo explicou a entidade, a través da Liña do Galego recibiu a denuncia dunha cidadá que asegura que se lle negou o dereito a ser atendida en galego e tamén a solicitar unha folla de reclamacións para deixar constancia do sucedido. A afectada afirma que durante o incidente sufriu «manobras intimidatorias» por parte do persoal do comercio e que chegou a escoitar a expresión «non queren clientes coma min».
A vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas, sostén que os feitos supoñen unha vulneración dos dereitos lingüísticos e afirma que «se ti non queres na súa tenda persoas galegofalantes estás discriminando por motivos lingüísticos». Tamén convidou a reflexionar sobre a reacción que provocaría un caso semellante noutro territorio do Estado.
A entidade trasladou formalmente a súa queixa ao establecemento e anima a cidadanía a participar na concentración convocada en defensa dos dereitos lingüísticos.

Pola súa parte, K-tuin negou a versión difundida pola asociación. Nunha mensaxe publicada nas redes sociais, a empresa asegurou que «sentimos se esta persoa non se sentiu ben atendida. É rotundamente falso que en K-tuin Vigo estea prohibido falar galego. Sempre que é posible, atendemos na lingua elixida por cada cliente. A maioría do persoal é galego». Ademais, lamentou que «a información non foi contrastada con K-tuin» antes da súa difusión.
