
A Consellería de Sanidade publicou no Portal de Contratos de Galicia a adxudicación á empresa CIE Tecnologías SLU do contrato para o subministro e instalación da infraestrutura tecnolóxica que permitirá poñer en marcha o Centro de Procesamento de Datos (CPD) do Hospital Público Novo Montecelo, en Pontevedra. O investimento ascende a 626.974 euros.
O proxecto busca dotar o hospital dunha infraestrutura tecnolóxica de última xeración baseada en tres eixes: a mellora da eficiencia e da optimización enerxética das instalacións, o incremento da dispoñibilidade dos servizos TIC para responder ás necesidades actuais e a incorporación de tecnoloxías emerxentes que favorezan a evolución dos sistemas de información.
Esta infraestrutura está destinada a dar soporte ás aplicacións corporativas, ás comunicacións e aos servizos dixitais do Servizo Galego de Saúde, co obxectivo de garantir elevados niveis de dispoñibilidade, seguridade e eficiencia enerxética.
O novo Centro de Procesamento de Datos contará con espazos específicos para salas de servidores, sistemas de copia de seguridade, redes LAN e WAN, ademais dunha sala para os sistemas de alimentación ininterrompida.
O contrato inclúe a instalación de varios armarios rack e a despregadura dunha rede de cableado de cobre e fibra óptica, o que permitirá a súa integración coa rede corporativa do Servizo Galego de Saúde.
O prazo máximo de execución é de seis meses, período no que o equipamento deberá quedar completamente instalado e operativo, con compoñentes de última xeración e soporte técnico ampliado.
