
A Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) continuou desenvolvéndose ao longo de 2025 coa posta en marcha de novas actuacións orientadas a acelerar a transformación dixital de Galicia. O balance anual, elaborado pola AMTEGA, recolle avances nos distintos eixes estratéxicos da folla de ruta e incorpora unha actualización dos seus obxectivos de cara a 2030. O investimento mobilizado durante o pasado exercicio acadou os 390,3 millóns de euros entre recursos públicos e privados.
A Administración galega seguiu reforzando os seus servizos dixitais. Entre as actuacións máis destacadas figura a renovación integral da sede electrónica, que incorporou novas funcionalidades, superou os 1,6 millóns de xestións en liña e enviou 1,9 millóns de notificacións electrónicas. A aplicación XuntaEu, que permite acceder aos principais servizos da administración desde o móbil, continuou ampliando a súa implantación ata alcanzar as 137.000 descargas. Pola súa banda, as Oficinas de Atención á Cidadanía tramitaron 883.000 documentos dixitalizados.
A modernización da Administración de Xustiza tamén avanzou coa implantación da nova Sede Xudicial Electrónica e coa incorporación dun novo visor para o Expediente Xudicial Electrónico, que facilita a consulta da documentación. Durante 2025 asináronse dixitalmente 5,3 millóns de documentos, realizáronse 380.820 gravacións de vistas e enviáronse máis de 11,7 millóns de comunicacións electrónicas mediante LexNET.
A capacitación dixital da cidadanía continuou medrando a través da Rede CeMIT, que desenvolveu máis de 645.000 horas de formación e emitiu máis de 44.000 certificacións de competencias dixitais. No ámbito educativo, Abalar Móbil alcanzou os 548.855 usuarios.
Os servizos sanitarios e sociais seguiron incorporando solucións baseadas en intelixencia artificial e ampliando ferramentas como Sergas Móbil e E-saúde. Tamén proseguiu a implantación da historia clínica IANUS en centros residenciais para persoas maiores e con discapacidade.
A expansión das infraestruturas de telecomunicacións mantívose como unha das prioridades. O programa prevé a posta en funcionamento de 68 torres de telefonía móbil para mellorar a cobertura de máis de 5.000 persoas en 210 entidades de poboación. A peche de 2025 xa estaban operativos 59 dos emprazamentos previstos.
A transformación dixital tamén avanzou no emprego, no sector primario e na especialización tecnolóxica. A aplicación MOBEM sumou 163.043 usuarios, mentres que a Oficina Virtual do Demandante superou os 373.000 usuarios e rexistrou preto de sete millóns de buscas de emprego.
No sector primario completouse a extensión do programa Lonxas 4.0 ás 53 lonxas previstas, incorporando novos sistemas de comercialización e xestión que permiten realizar poxas e trámites en liña.
O informe tamén destaca o impulso ao ecosistema tecnolóxico galego coa aprobación da Estratexia do Espazo GobTec, concibida para mellorar os servizos públicos mediante a incorporación de solucións baseadas en intelixencia artificial, 5G, gobernanza do dato e ciberseguridade, dentro dun modelo de colaboración público-privada. Neste marco inscríbense tamén a consolidación do novo Centro de Supercomputación de Galicia e o reforzo das liñas de apoio á innovación e ao emprendemento tecnolóxico.
A revisión da EGD2030 adapta a Estratexia á evolución das tecnoloxías emerxentes e aos obxectivos fixados polo Decenio Dixital Europeo. A actualización reforza ámbitos como a gobernanza TIC sostible, a ciberseguridade, a gobernanza do dato, a intelixencia artificial, a conectividade e a capacitación dixital.
Entre as metas fixadas para 2030 figura que o 100 % da poboación dispoña de cobertura superior a 100 Mbps, que o 96 % das persoas conten con competencias dixitais (cando menos a metade mulleres), que máis do 94 % da cidadanía realice compras en liña, que o 77,6 % das persoas e o 90 % das empresas se relacionen coa Administración por medios dixitais e que o 35 % das empresas tecnolóxicas conten con especialistas en ciberseguridade, intelixencia artificial ou análise de datos.
A actualización incorpora ademais novos indicadores, como superar o 25 % de empresas que empregan tecnoloxías de Big Data, alcanzar o 45 % de compañías que utilizan intelixencia artificial, elevar a contribución do sector TIC a máis do 3 % do PIB galego e incrementar ata o 22,4 % a porcentaxe de persoas cun elevado nivel de confianza na Internet.
