
O Consello da Xunta deu luz verde a un investimento de 2.762.439 euros destinado á contratación do servizo de atención a usuarios dos sistemas e tecnoloxías da información dos hospitais do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O obxectivo é garantir unha resposta continua, áxil e eficiente ás consultas, incidencias e avarías que poidan xurdir no traballo diario dos profesionais sanitarios.
A crecente dixitalización da actividade asistencial converteu os sistemas de información nun elemento esencial para o funcionamento da rede hospitalaria. Neste escenario, as unidades de tecnoloxías da información dos centros sanitarios deben asegurar un soporte eficaz que permita manter a continuidade da actividade e reforzar a confianza dos usuarios nas ferramentas dixitais que empregan cada día.
O contrato terá unha duración inicial de doce meses e poderá prorrogarse ata un máximo de cinco anos. De esgotarse ese período, o valor estimado da contratación ascenderá a 11,87 millóns de euros. Entre as prestacións previstas inclúense a atención de consultas e solicitudes, a resolución de incidencias, a implantación de novas aplicacións, as peticións de desenvolvemento de programas informáticos, así como tarefas de instalación, configuración e xestión de hardware e software.
A nova licitación incorpora melloras tanto na capacidade de atención como nas condicións técnicas. O número máximo de usuarios que poderán recibir soporte en cada área sanitaria increméntase desde os actuais 4.500-7.000 ata unha franxa de entre 12.500 e 15.000 persoas. Tamén se amplía o número de aplicacións incluídas no servizo, que pasa dun máximo de 150 a 200 sistemas.
O prego reforza tamén as esixencias en materia de seguridade, ao requirir certificacións ISO 9001, ISO 27001 e o cumprimento do Esquema Nacional de Seguridade. Xunto a isto, introdúcense novos mecanismos de seguimento e control, con obrigas específicas de elaboración de informes, integración co sistema corporativo de xestión da calidade e un réxime de penalizacións asociado ao incumprimento destes requisitos.
