
A Deputación de Ourense, a través do INORDE (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico), vén de publicar o catálogo dixital de experiencias Ourense Familiar, unha ferramenta destinada a facilitar o acceso á riqueza natural, cultural, patrimonial e gastronómica da provincia mediante propostas adaptadas aos diferentes intereses, necesidades e modelos de familia. O catálogo reúne 63 experiencias e cinco paquetes turísticos distribuídos por 33 concellos da provincia.
As actividades están organizadas en oito categorías: animais; rutas e natureza; auga e lecer acuático; patrimonio e cultura; experiencias educativas; aventura e deporte; enogastronomía e experiencias locais; e paquetes turísticos.
A publicación deste catálogo culmina o proxecto desenvolvido arredor de Ourense Familiar, que conta cun buscador avanzado que permite seleccionar as experiencias segundo a idade recomendada, o tipo de actividade ou o concello.

A información está en galego, castelán e inglés e incorpora indicadores sobre o grao de accesibilidade universal das propostas, a posibilidade de acudir con animais de compañía e a súa adaptación a nenos e nenas neurodiverxentes. O portal complétase con mapas interactivos, fichas para descargar e a súa futura integración na Plataforma Intelixente de Destinos.
A Deputación explicou que “Ourense Familiar ofrece alternativas para diferentes épocas do ano e condicións meteorolóxicas, co obxectivo de reforzar a provincia como un destino familiar atractivo durante os doce meses e contribuír á desestacionalización da actividade turística”.
A selección das experiencias é o resultado dun proceso participativo convocado pola Deputación de Ourense e xestionado polo InNORDE, que permitiu poñer en valor o labor de pequenas empresas, persoas emprendedoras, entidades municipais e proxectos sociais das diferentes comarcas.
O proxecto busca favorecer a diversificación dos fluxos turísticos polo territorio, fortalecer a colaboración público-privada e apoiar iniciativas que contribúen á sustentabilidade económica e social do rural.
Ourense Familiar está enmarcado no eixe de dixitalización do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Ourense colle velocidade: vilas históricas e termais”, desenvolvido dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, a través do Ministerio de Industria e Turismo e co apoio da Axencia Turismo de Galicia.
