
A firma galega Netun Solutions, pioneira no desenvolvemento de balizas conectadas, vén de analizar os datos agregados do ecosistema de mobilidade conectada, un traballo de investigación que mostra e confirma que a operación saída de agosto coincidiu co maior volume de activacións rexistrado ata a data.
En concreto, a media diaria semanal pasou de 1.763 activacións no principio do ano a 2.661 durante a primeira semana de xullo, o que supón un incremento próximo ao 50%. “Trátase dun crecemento progresivo e sostido, que comezou semanas antes da operación saída de verán”, informa Netun, engadindo que “durante xullo as activacións mantivéronse de forma sostida por enriba das 2.500 incidencias diarias na maior parte das xornadas laborables, coincidindo co incremento dos desprazamentos estivais”. Os rexistros máis elevados alcanzáronse o 31 de xullo, con 3.192 activacións, seguido do 3 de xullo con 3.068 e o 6 de xullo con 3.004, confirmando que os venres e os días previos aos principais desprazamentos concentran a maior actividade.
Para Netun, “os datos analizados reflicten que os venres concentran decote un maior número de activacións, mentres que os sábados e, especialmente, os domingos presentan cifras máis reducidas”. Este mesmo comportamento obsérvase nos rexistros oficiais de incidencias de tráfico, o que apunta a unha relación directa entre a mobilidade, a intensidade dos desprazamentos e a necesidade de sinalizar vehículos detidos na vía, confirma a empresa galega.
A firma tamén salienta que a importancia destes datos vai máis aló de coñecer cantas balizas se activan e lembra a necesidade de levar unha V16 conectada no vehículo: “Cando se activa o sinal, o vehículo inmobilizado deixa de ser unha incidencia coñecida unicamente por quen se atopa nese punto fisicamente e pasa a formar parte do ecosistema de información da estrada; a baliza comunica de forma anónima a súa localización á plataforma DXT 3.0, desde onde o aviso pode trasladarse a navegadores, paneis de mensaxe variable e outros sistemas de xestión da mobilidade”.
O vigués Alejandro González, CMO de Netun, sinala que “os datos mostran unha correlación clara entre o incremento dos desprazamentos e o número de incidencias que se producen na estrada. As balizas V16 conectadas están a consolidarse como unha ferramenta clave para mellorar a seguridade viaria e aumentar a visibilidade do incidente para o resto de usuarios da vía”.
