
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UDC), a través dos seus respectivos centros de investigación CiTIUS e CITIC, veñen de integrarse en ConfIA, a nova rede interuniversitaria de centros de excelencia en IA segura, consciente e responsable, unha fronte común formada por dez universidades españolas que ten a finalidade “impulsar a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento para desenvolver unha intelixencia artificial (IA) segura, transparente e aliñada cos valores europeos”.
Adicarase a materializar iniciativas conxuntas de investigación, captar financiamento e talento e traballar para converter España nun referente en IA de confianza.
A representación galega estará a cargo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), pertencente á USC, e do CITIC, centro de investigación especializado en tecnoloxías da información e as comunicacións da UDC.
No proxecto ConfIA, o CiTIUS liderará a fronte de traballo e porá o foco en identificar os elementos que interveñen na xeración de confianza entre os humanos e a IA, para desenvolver unha metodoloxía que permita medir cualitativa e cuantitativamente a confianza dos usuarios nun sistema equipado con IA e para realizar un estudo piloto que permita a validación empírica do marco teórico de análise e da metodoloxía proposta.
Pola súa banda, o CITIC achegará a ConfIA o seu potencial punteiro en I+D+i orientado a que os algoritmos de IA sexan transparentes e respectuosos cos dereitos cidadáns. Ademais, fará valer a súa experiencia en Intelixencia Artificial Explicable, un ámbito no que conta con importantes investigadores (por exemplo Francisco Bellas), que lideran o debate sobre a necesidade de que as decisións automatizadas (especialmente no ámbito educativo) poidan comprenderse para profesores e alumnos. O centro promove tamén a transferencia de coñecemento cara ao tecido produtivo e social, garantindo que o despregue práctico da IA evite opacidades ou nesgos discriminatorios.

Xunto ao CITIC, forman parte desta rede o Centre de Recerca Intelligent Data Science and Artificial Intelligence (IDEAI-UPC), da Universitat Politècnica de Catalunya; o Centro de Investigación DaSCI (Data Science and Computational Intelligence), da Universidade de Granada; o Centro de I+D+i en Intelixencia Artificial (AI.nnovation Space), da Universidade Politécnica de Madrid; o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), da Universidade de Santiago de Compostela; o Valencian Research Institute for Artificial Intelligence (VRAIN), da Universitat Politècnica de València; o HiTZ Center – Basque Center for Language Technology, dla Universidade do País Vasco; o Centro de Intelixencia Dixital (CENID), da Universidade de Alacante; o Instituto Andaluz Interuniversitario en Ciencia de Datos e Intelixencia Artificial (DaSCI-UJA), da Universidade de Xaén e o Instituto Universitario de Investigación en Enxeñaría Informática (I3US), da Universidade de Sevilla.
Organización en dous comités
A rede contará cun Comité de Coordinación, formado polas reitoras ou reitores das universidades, e un Comité de Dirección Científico Técnico, integrado por unha persoa representante de cada institución académica.
Dende a UDC salientan que a Universidade da Coruña terá un papel destacado neste ano de lanzamento, xa que o reitor, Ricardo Cao, será o primeiro en presidir o Comité de Coordinación, que é o órgano encargado da dirección institucional da alianza.
Pola súa banda, a catedrática da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC Amparo Alonso exercerá a Secretaría do Comité de Dirección Científico-Térnico, responsable da planificación científica, a coordinación cooperativa e o seguimento das actividades da Rede.
A creación de ConfIA constitúe un marco de colaboración entre universidades líderes en investigación en intelixencia artificial e permitirá reforzar as capacidades dos seus centros, o impacto da investigación desenvolvida nesta materia e favorecer a unha maior proxección nacional e internacional da investigación española en IA.
