
WhatsApp anunciou unha nova actualización para os chats de grupo que incorpora melloras nas enquisas, unha función para mencionar a todos os integrantes dunha conversa e a posibilidade de crear novos grupos a partir doutros xa existentes. O obxectivo destas novidades é facilitar a coordinación entre os usuarios e facer máis áxil a comunicación nas conversas colectivas.
As enquisas gañan novas capacidades para simplificar a toma de decisións. A partir de agora será posible establecer unha hora de peche para bloquear a votación automaticamente cando remate o prazo, ocultar a identidade dos votantes para favorecer respostas máis espontáneas e editar a pregunta durante os primeiros 15 minutos tras a súa publicación para corrixir erros ou introducir aclaracións.
A plataforma incorpora tamén a mención @all, que permite avisar a todos os membros dun grupo cunha única mensaxe, evitando ter que etiquetar os participantes un por un. A función está pensada para comunicacións importantes, como cambios de última hora, avisos relacionados con actividades ou peches de centros educativos e oficinas. Nos grupos con máis de 32 integrantes, esta opción estará restrinxida aos administradores.
Mesmo se un grupo está silenciado, as mensaxes enviadas mediante @all xerarán unha notificación. En todo caso, os usuarios poderán desactivar este comportamento desde a configuración das notificacións.
Outra das novidades permite crear un novo chat de grupo utilizando directamente os membros dun grupo xa existente, sen necesidade de engadilos manualmente un por un. Esta función está orientada a facilitar conversacións paralelas para organizar aspectos concretos dun evento, preparar unha sorpresa ou tratar un tema específico sen saturar o grupo principal.
