
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitou a Aula CeMiT de Tui, na que se imparte a edición do programa Tech Kids: Argallando entre xeracións. Corgos destacou “o papel das aulas CeMIT como espazos de proximidade para a capacitación dixital, a experimentación tecnolóxica e a cohesión comunitaria”.
Durante a visita o conselleiro puxo en valor o feito de que mozos e maiores compartan un mesmo espazo de traballo e lecer empregando as novas tecnoloxías. “Esta é a razón que nos levou a crear durante estes meses de verán, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), esta actividade de aprendizaxe, experimentación e colaboración entre diferentes xeracións, onde os máis mozos poden desenvolver competencias dixitais avanzadas e, ao mesmo tempo, compartir estes coñecementos e experiencias cos maiores”, dixo, destacando que esta edición incorpora unha fase posterior á formación nas aulas na que os proxectos desenvolvidos poderán presentarse en centros cívicos, centros de dia de maiores, asociacións e outros recursos comunitarios, como as propias aulas CeMIT.

Nesta mesma liña, incidiu en que este programa busca tamén promover o uso da tecnoloxía, non só como unha ferramenta de aprendizaxe, senón tamén como un medio para recuperar coñecementos vinculados á memoria, aos oficios, á tradición e ás experiencias das persoas maiores.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu agradecendo o traballo de todas as persoas que están a facer posible esta iniciativa, tanto aos formadores vinculados ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, como aos responsables desta aula, que só este ano xa levan impulsadas oito actividades formativas.
Tech Kids

A Xunta de Galicia, a través de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) puxo en marcha este verán unha nova edición do programa Tech Kids, que este ano desenvólvese baixo o lema Argallando entre xeracións.
O programa, dirixido a mozos e mozas de 12 a 18 anos, desenvolverase nas aulas da Rede CeMIT entre o 15 de xullo e o 19 de setembro. Esta previsto realizar, cando menos, 12 xornadas formativas, estruturadas en tres sesións de 2,5 horas de duración por aula, cun enfoque practico, presencial e demostrativo.
AMTEGA explica que esta nova edición dá continuidade ao obxectivo de Tech Kids de poñer en practica o talento dixital das persoas máis novas, a súa capacidade de resolución de problemas e o desenvolvemento de competencias nunha contorna colaborativa. “A proposta reforza ademais o uso dos equipamentos tecnolóxicos dispoñibles nas aulas CeMIT como base para a aprendizaxe aplicada e o desenvolvemento de proxectos autónomos”, sinala a axencia.
Os obradoiros estarán centrados na aprendizaxe practica de tecnoloxías maker, para deseñar e fabricar artefactos. As persoas participantes idearan e desenvolveran proxectos baseados na invención, a creatividade e a colaboración, empregando ferramentas como a programación, a robótica, a impresión 3D, a electrónica creativa, os drons ou a intelixencia artificial.
