
Iberia organiza un voo especial para observar a máis de 10.000 metros de altitude a eclipse total de Sol do vindeiro 12 de agosto. A aeroliña tamén retransmitirá en directo o fenómeno a través das súas redes sociais grazas ao novo servizo de conectividade Wi-Fi de alta velocidade baseado na tecnoloxía Starlink, que está a incorporar progresivamente á súa frota.
O voo, identificado co código IB1473 en homenaxe ao ano de nacemento do astrónomo Nicolás Copérnico, despegará do aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Barajas ás 18:45 horas e regresará ao mesmo aeródromo tras completar unha ruta deseñada especificamente para maximizar as condicións de observación sobre a provincia de Palencia. A operación realizarase cun Airbus A321XLR, un dos modelos máis recentes da frota de Iberia.
A retransmisión en directo permitirá seguir o desenvolvemento da eclipse desde unha perspectiva privilexiada, por riba das nubes, aproveitando a conexión permanente a Internet que ofrece o sistema Starlink durante o voo.
A bordo tamén viaxará un equipo de investigadores do proxecto Shelios, unha iniciativa científica e educativa dirixida polo astrónomo Miquel Serra-Ricart, director científico de Light Bridges e investigador do Instituto de Astrofísica de Canarias. Os científicos aproveitarán as condicións de observación que proporciona a altitude de cruceiro para realizar medicións da morfoloxía do Sol.
«A observación desde a altitude de cruceiro permitiranos ter unha visión clara da coroa solar libre de nubosidade e doutros fenómenos atmosféricos que poden dificultar a observación desde terra», explicou Serra-Ricart.
Ademais da coroa solar, desde o avión tamén será posible observar a contorna do Sol, incluída a posición aparente de Venus, Mercurio e doutras estrelas visibles durante a totalidade.
A tripulación estará encabezada polo comandante Javier Lopera Alcalá e contará tamén co piloto Javier Meana Fernández, que posúe formación en Astrofísica.
Diego Fernández, director de Estratexia, Transformación e Sustentabilidade de Iberia, destacou a importancia desta colaboración entre aviación e ciencia. «Estamos moi satisfeitos de poder colaborar nunha iniciativa que une aviación, ciencia e innovación. Este voo permitirá aproveitar as vantaxes que ofrece a observación desde a altitude de cruceiro para contribuír ao estudo dun fenómeno astronómico excepcional», sinalou.
A cita do 12 de agosto será a primeira eclipse total de Sol visible desde a Península Ibérica desde 1912, o que converte este fenómeno nun acontecemento astronómico de especial relevancia para a comunidade científica e para os afeccionados á astronomía.
