
A Consellería de Sanidade publicou a licitación da contratación da evolución das aplicacións e módulos que conforman o sistema de información de historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), con novas capacidades destinadas a consolidar a sanidade dixital de Galicia. O importe da licitación acada os 8.570.575 euros.
Segundo explica Sanidade, o contrato ten unha duración inicial de 36 meses, con posibilidade de prórroga por dous anos máis. As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 4 de setembro para presentar as súas ofertas.
O obxectivo da Xunta con esta actuación é “continuar a modernización da plataforma corporativa IANUS e avanzar na súa evolución cara á nova versión IANUS 5 que se estenderá a todo o Servizo Galego de Saúde”.
Así, reforzarase como contorna tecnolóxica única para os profesionais sanitarios dos centros de saúde e hospitais galegos, favorecendo unha visión integral da información clínica dos pacientes e facilitando “unha atención máis coordinada, continua e segura”, explicaron fontes da Consellería, ao que engaden que “a integración dos distintos módulos nunha única plataforma contribuirá, tamén, a simplificar os procesos asistenciais e a mellorar a interoperabilidade entre sistemas”.
Entre as principais liñas de evolución previstas atópanse a incorporación de ferramentas baseadas en intelixencia artificial para apoiar a toma de decisións clínicas. Deste xeito, e atendendo ao conxunto de rexistros que contén a historia clínica, o persoal médico poderá visualizar, avaliar e identificar o estado de saúde dos pacientes dun xeito máis áxil.
Por outra banda, continuarase coa integración progresiva da información xenómica nos procesos asistenciais, o que contribuirá, por exemplo, a ofrecer os tratamentos farmacolóxicos máis axeitados para cada persoa.
Sanidade engadiu que “a actualización dos módulos informáticos tamén reforzará os modelos de seguimento remoto de pacientes mediante dispositivos conectados, ampliando o número de dispositivos baseados no emprego de estándares clínicos, así como o número de variables que se rexistrarán de forma automática na historia clínica”.
Ao mesmo tempo impulsaranse novas funcionalidades que faciliten a relación dixital da cidadanía co sistema sanitario. Neste punto, Sanidade destaca “a posibilidade de habilitar unha conversa, vía chat, entre médico e paciente, se o profesional sanitario o habilita, unha medida que ata o de agora estaba restrinxida soamente aos paciente telemonitorizados”.
Amais, continuarase reforzando as capacidades de integración e intercambio de información clínica, tanto no ámbito autonómico como co sistema nacional de saúde e co resto de países da Unión Europea, “consolidando a posición de IANUS 5 como eixe central da transformación dixital da sanidade pública galega”.
