
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presentou o balance Cumprindo da primeira metade de 2026 destacou que a Galicia vive “un dos momentos de maior investimento público, dinamismo económico e ampliación de dereitos da súa historia recente”. Lembrou tamén que os avances rexistrados nestes oito anos abranguen todos os ámbitos da vida pública, desde o financiamento autonómico ata a industria, as infraestruturas, a creación de emprego, a vivenda, a educación, a sanidade ou a protección social. Tamén abranguen o eido económico e tecnolóxico, tal e como fixo saber, poñendo o foco na transformación propiciada polo Kit Dixital.
Entre outras cousas reivindicou o impacto do Plan de Recuperación, que cualificou como “o maior instrumento de modernización económica e social que recibiu Galicia”. Engadiu que “ata o momento, o Plan mobilizou 4.378 millóns de euros, chegando a 71.684 beneficiarios, dos que o 80 % son pequenas e medianas empresas, demostrando que os fondos europeos chegaron ao corazón do tecido produtivo galego”.
O delegado lembrou que estes recursos permitiron impulsar proxectos estratéxicos en todos os ámbitos da economía, desde a transición enerxética á mobilidade sostible, pasando pola modernización industrial, a rehabilitación de vivenda, a dixitalización das empresas ou a innovación. Seguindo este fío, destacou “o apoio aos grandes proxectos industriais vinculados aos PERTE, como o desenvolvemento do hidróxeno renovable, a transformación do sector da automoción, a modernización do sector naval ou os investimentos en infraestruturas ferroviarias e portuarias”.
Amais, Pedro Blanco puxo en valor que o Plan de Recuperación “non quedou reservado para grandes compañías”, senón que chegou tamén a miles de pemes, autónomos e entidades locais. “É a demostración de que os fondos europeos están servindo para transformar Galicia desde abaixo, modernizando empresas, xerando emprego, fortalecendo a nosa industria e facendo máis competitiva a nosa economía”, afirmou.
Pedro Blanco destacou tamén que Galicia está a vivir un proceso de reindustrialización sen precedentes grazas á aposta do Goberno polos sectores estratéxicos e pola industria de alto valor engadido. Puxo en valor a chegada de novos proxectos empresariais como o de SAIC Motor, o impulso á primeira fábrica española de semicondutores fotónicos de SPARC Foundry en Vigo, o desenvolvemento do centro tecnolóxico de Indra nas Pontes ou os investimentos históricos na industria da defensa, coa construción das fragatas F-110 en Navantia e o reforzo da capacidade produtiva de empresas como Urovesa.
Amais do devandito, tamén puxo en valor a aposta do Goberno pola ciencia, a innovación e a transformación dixital “como piares do novo modelo de crecemento de Galicia”. Lembrou que o Ministerio de Ciencia investiu 1.292,3 millóns de euros na comunidade entre 2018 e 2025 para impulsar proxectos de investigación, infraestruturas científicas e centros tecnolóxicos, mentres que o investimento en transformación dixital e función pública aumentou un 643 % respecto á etapa anterior. Neste ámbito, salientou tamén o éxito do Kit Dixital, que permitiu conceder en Galicia 218,7 millóns de euros para máis de 54.600 axudas, beneficiando a miles de pequenas empresas, autónomos e profesionais.
