
Google comezou a informar por correo electrónico aos usuarios de que o asistente de Google deixará de estar dispoñible en dispositivos móbiles Android a partir do 4 de setembro de 2026, data na que arrancará a súa substitución definitiva por Gemini. O proceso será gradual e prolongarase durante varias semanas, polo que a desaparición do asistente clásico non será simultánea para todos os usuarios.
Unha vez completada a migración nun dispositivo, xa non será posible volver empregar o asistente de Google nin seleccionalo como asistente predeterminado. A partir dese momento, ao invocar o asistente mediante «Hey Google» ou mantendo premido o botón de acendido, abrirase Gemini.
A medida non afecta unicamente aos teléfonos e tabletas Android. Tamén desaparecerá o asistente de Google nos reloxos con Wear OS, nos auriculares compatibles e nos vehículos que empregan Android Auto proxectado desde o teléfono móbil. Pola contra, os automóbiles con Google integrado (Google built-in) continuarán empregando o asistente de Google máis alá do 4 de setembro, polo menos polo momento.
Google precisou que este calendario non afecta aínda a outros dispositivos do seu ecosistema. Os altofalantes e pantallas intelixentes Google Home, así como os dispositivos con Google TV, seguirán utilizando o asistente de Google mentres continúa a despregadura da nova experiencia baseada en Gemini. A empresa xa confirmou que esta transición tamén chegará a estes produtos, aínda que sen anunciar unha data concreta.
O abandono do asistente de Google culmina un proceso iniciado en marzo de 2025, cando Google anunciou que Gemini se convertería no asistente predeterminado para Android. Inicialmente prevíase completar a substitución a finais de 2025, pero o calendario ampliouse ata 2026 para facilitar unha transición máis progresiva. Ata agora, a aplicación Gemini aínda permitía aos usuarios volver temporalmente ao asistente de Google, unha opción que desaparecerá coa retirada definitiva do servizo.
