
Dálle á lingua é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é “poñer a lingüística sobre a mesa”, literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. As solicitudes poden enviarse ao enderezo dallealingua@usc.gal
Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra, na que o seu éxito virá determinado polo rendemento dos seus clientes nun concurso de preguntas e respostas. Os clientes dos bares poderán participar no concurso en liña escaneando o código QR que aparecerá nunha das caras do pousavasos e respondendo a unha breve pregunta. Deste xeito, o proxecto pretende “fomentar conversas sobre o bilingüismo, os mitos lingüísticos e o procesamento da linguaxe en contornas distendidas, tendendo unha ponte entre a lingüística académica e a vida social cotiá”, sinalan dende o equipo impulsor da iniciativa integrado por Sabela Morais Martínez, Hugo Parra, Sabela Treinta Lomba, Marco Bravo Rodríguez, Samuel Fentanes e Lucía Vieitez Portas.
A lista de todos os bares participantes estará dispoñible antes de que comece o concurso, que terá lugar ao longo dunha campaña de cinco semanas no outono deste ano. A data de comezo será o sábado 26 de setembro (Día Europeo das Linguas) e a de remate o domingo 1 de novembro.⠀

