
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e a alcaldesa de Cee, Margot Lamela, co-presidiron este 6 de agosto a Xunta Local de Seguridade do municipio, unha reunión na que se abordaron os principais asuntos relacionados coa seguridade cidadá, a coordinación dos dispositivos previstos para os grandes eventos do verán e a situación da violencia de xénero no concello. Tamén se fixo balance das actividades despregadas para garantir nos centros educativos un uso en positivo das novas ferramentas e previr o ciberacoso.
Durante a reunión, os responsables das distintas administracións e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado puxeron en común os datos máis recentes sobre seguridade cidadá. Neste sentido, destacouse que a taxa de criminalidade de Cee no que vai de ano é de 18 delitos por cada mil habitantes, unha cifra que, de momento, representa menos da metade da media provincial e que se sitúa tamén por debaixo das medias de Galicia e de España do ano pasado. Julio Abalde lembrou ademais que Galicia é actualmente a segunda comunidade autónoma máis segura do país, un dato que atribuíu ao traballo coordinado das forzas de seguridade e das administracións públicas.
A xunta permitiu ademais facer balance das actuacións desenvolvidas no marco do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas. Durante o último curso participaron tres centros educativos de Cee, cun total de 635 beneficiarios, a través de 45 actividades centradas en ámbitos como as Tecnoloxías da Información e a Comunicación e a ciberseguridade, o acoso e o ciberacoso, a mediación en conflitos escolares, a protección de datos, as adiccións ao alcohol e ás drogas, os delitos de odio e a violencia sobre a muller. Así mesmo, destacouse a celebración na Casa da Cultura da II Xornada Muller Garda Civil, desenvolvida o pasado mes de marzo, que contou cunha ampla participación de alumnado dos centros educativos do municipio.
Observación da eclipse
En relación coa eclipse solar, o subdelegado insistiu “na importancia de seguir as recomendacións de seguridade para a súa observación”. Lembrouse ademais que “non se debe mirar directamente ao sol sen protección homologada e que é necesario utilizar exclusivamente lentes certificadas para eclipses.” Tamén se recomendou planificar con antelación os desprazamentos ante a previsión dun aumento do tráfico e extremar as precaucións, especialmente nas zonas de maior afluencia e nos espazos naturais. As praias de Estorde e Lires e o miradoiro de Gures son os puntos que propón o Concello para a observación deste fenómeno histórico.
No caso de Cee, a observación será parcial, comezará ás 19:31 horas, alcanzará o seu máximo ás 20:29 horas e rematará ás 21:22 horas. Neste sentido, informouse de que a cidadanía pode consultar toda a información oficial sobre a eclipse, incluíndo horarios, mapas de visibilidade e recomendacións de seguridade, na web do proxecto Trío de Eclipses 2026-2027-2028, así como a través do visor web habilitado polo Goberno de España na dita páxina estatal para localizar os mellores puntos de observación.
