
O Concello da Laracha vén de sacar a licitación, mediante procedemento aberto, o contrato para o subministro do equipamento do seu novo Edificio Interxeracional. O orzamento máximo ascende a 173.735,33 euros e o prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 20 de agosto.
Segundo informou o Concello, a licitación do equipamento completa o proxecto impulsado polo Concello para transformar o antigo Edificio de Servizos Múltiples nesta nova infraestrutura municipal situada na avenida López Astray, no centro da Laracha.
A actuación permitiu renovar integralmente o inmóbel cun investimento de 1,1 millóns de euros, “converténdoo nunhas instalacións modernas e preparadas para acoller unha ampla programación de actividades”, informaron dende o Goberno galego, sinalando que o obxectivo é achegar “un espazo moderno, multifuncional, inclusivo e atractivo creado coa vocación de convertelo en punto de referencia da actividade social, cultural e de ocio para persoas de todas as idades”.
O novo edificio está deseñado especificamente para albergar actividades e formacións tecnolóxicas de última xeración. Así, a contratación divídese en catro lotes: o primeiro comprende o subministro do mobiliario e do equipamento xeral do edificio; o segundo está destinado ao equipamento informático; o terceiro inclúe o equipamento da aula dixital (unha zona orientada por completo á formación, onde se impartirán cursos de informática, manexo de dispositivos, Internet e obradoiros dixitais adaptados tanto para maiores como para mozos), e o cuarto contempla a dotación do estudo de gravación, un espazo pensado para o desenvolvemento de actividades relacionadas coa creación de contidos audiovisuais e dixitais (un recurso punteiro deseñado para a creación de contido audiovisual, onde os usuarios poderán experimentar coa edición de son, a gravación de podcasts ou a realización de vídeos).
Tanto esta contratación como a propia obra de transformación do antigo Edificio de Servizos Múltiples no novo Edificio Interxeracional están financiadas con fondos procedentes do Instrumento Europeo de Recuperación (Next Generation EU) e con cargo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).

