
O centro tecnolóxico Gradiant compartiu os detalles de NovaWallet, a súa carteira dixital deseñada para facilitar a adopción da identidade dixital europea por parte de empresas e administracións. Segundo explicou o centro vigués, NovaWallet “é unha das primeiras carteiras dixitais de identidade e credenciais verificables preparadas para o ecosistema EUDI Wallet e foi pioneira en obter o selo de conformidade europeo EBSI”.
Ademais, foi deseñada para empresas e administracións e ten amplo potencial para “reducir o uso dos certificados tradicionais en determinados procesos e permite a autenticación segura e a xestión de credenciais verificables, integrando estándares europeos dende o seu deseño”.
En palabras de Juan González, director de Seguridade e Privacidade de Gradiant: “NovaWallet representa a aposta de Gradiant para acelerar a adopción da identidade dixital en Europa. Esta solución apóiase na nosa experiencia en tecnoloxías deep tech, especialmente en criptografía avanzada e tecnoloxías de privacidade, para reforzar a seguridade e a confianza na verificación de identidades e credenciais. Este enfoque permite construír plataformas de identidade dixital seguras, interoperables e centradas na cidadanía, plenamente aliñadas coas iniciativas reguladoras europeas”.
Engade que NovaWallet destaca “pola súa combinación de seguridade avanzada, interoperabilidade total e unha experiencia de usuario optimizada; e ademais permite ás organizacións desempeñar distintos roles dentro do ecosistema, como emisores, verificadores ou entidades de confianza, facilitando a súa integración na economía dixital europea”.
Desde unha perspectiva triaxial, NovaWallet reflicte plenamente o enfoque do novo modelo europeo: en gobernanza, alíñase con eIDAS2 e os estándares comunitarios; en mercado, reduce custos, acelera procesos de onboarding e abre novas oportunidades de negocio; e en tecnoloxía, ofrece unha arquitectura rufa, segura e interoperable, xa validada en escenarios reais como onboarding dixital ou emisión de credenciais.
Momento clave para o ecosistema dixital europeo

Para Gradiant, este lanzamento prodúcese nun momento clave para o ecosistema dixital europeo, xa que o despregamento da identidade dixital xa conta cun calendario definido: durante 2026, cada Estado membro deberá ofrecer polo menos unha carteira dixital gratuíta a cidadáns, residentes e empresas, e a finais de 2027, todos os servizos públicos e sectores regulados deberán aceptar a EUDI Wallet como mecanismo válido de identificación.
González sinala que “neste contexto, será fundamental avanzar na harmonización normativa sen renunciar á soberanía, así como desenvolver modelos de interoperabilidade que sitúen á cidadanía no centro. A usabilidade tamén desempeñará un papel decisivo para facilitar a adopción destas solucións e garantir que poidan utilizarse de forma sinxela, segura e sen barreiras. Para iso, será necesario contar con infraestruturas rexas, con marxe ampla de adaptación e evolución e con coñecemento tecnolóxico especializado en ámbitos como a ciberseguridade, a privacidade e a xestión de identidades dixitais, un terreo no que Gradiant leva anos traballando”.
De requisito técnico a activo estratéxico
Gradiant salienta que un dos piares do novo ecosistema é a certificación das carteiras dixitais. “Así”, indica o centro vigués, “máis aló dun requisito técnico, no plano económico e de mercado consolídase como un auténtico activo de marca, capaz de transmitir fiabilidade tanto a usuarios finais como a clientes institucionais e de aliñar a toda a cadea de valor ao redor de estándares comúns”.
Na práctica, convértese ademais nunha verdadeira licenza para operar no ecosistema europeo. “Neste contexto”, sinalan dende Gradiant, “a capacidade tecnolóxica é un factor diferencial, xa que o reto non é só normativo, senón tamén o feito de xestionar de forma segura e eficiente grandes volumes de información e garantir o cumprimento destes estándares.
E engade o centro vigués: “Solucións como NovaWallet non só facilitan o cumprimento normativo, senón que se consolidan como un elemento estratéxico para as organizacións: un activo de confianza, unha vantaxe competitiva e, en última instancia, unha verdadeira licenza para operar no novo ecosistema dixital europeo”.

