
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a sede en Vigo da empresa Centum, que ten na cidade olívica o seu centro de desenvolvemento de produto, dende o que dá forma a tecnoloxías avanzadas de sistemas aeronáuticos de misión, comunicacións e intelixencia de sinal, orientados principalmente a mellorar a seguridade e salvamento de persoas.
Durante a visita a Centum, a titular de Economía e Industria debullou os detalles da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA) e puxo en valor a traxectoria de Centum como exemplo de empresa galega “que ten demostrado que en Galicia se pode facer tecnoloxía de primeiro nivel que compite no mercado internacional”, sinalou, salientando que “isto posiciona a Comunidade como referente no sector aeroespacial que “é o obxectivo de fondo da nosa estratexia”.
Centum Research and Technology
A firma Centum Research and Technology foi fundada no 2010 por persoas egresadas da Escola de Telecomunicación da UVIG e conta na actualidade, no se equipo, con medio cento de profesionais altamente cualificados. O seu cometido é o deseño, o desenvolvemento e a comercialización de sistemas aeronáuticos de misión para os mercados de emerxencias, seguridade, defensa e aeroespacial. Está especializada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que optimizan as operacións de rescate de persoas en zonas difíciles e que desenvolven a comunicación en contornas críticas. Un exemplo disto é LifeSeeker, un sistema aerotransportado capaz de xeolocalizar teléfonos móbiles sen necesidade de cobertura de rede, esencial para misións de salvamento.
Ata o 30 de setembro
A conselleira lembrou na súa visita que “as empresas galegas aínda teñen ata o 30 de setembro para participar nos acordos de asociación para desenvolver grandes proxectos industriais de tecnoloxías duais que se fabriquen en Galicia”.
Tamén explicou que estes acordos de asociación constitúen unha das principais medidas que o Goberno galego está a desenvolver no marco da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA) á que a Xunta destinará 40 millóns de euros mediante a fórmula da Compra Publica Precomercial, que permitirá impulsar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras nos ámbitos da seguridade, defensa e o aeroespazo.

Tamén dixo que se trata dunha actuación pioneira en España coa que a Xunta busca atraer grandes proxectos de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, e que estas solucións se fabriquen en Galicia. Recordou que a previsión é chegar a conformar entre dous e 15 consorcios empresariais e aprobar a adxudicación no primeiro semestre de 2027.
Por outra banda, a conselleira referiuse tamén á primeira convocatoria de axudas cun orzamento de 1,5 millóns de euros posta en marcha polo Executivo autonómico para facilitar que as empresas galegas obteñan certificacións como subministradoras para o sector da seguridade e a defensa.
Neste marco, apuntou que se trata de empresas de ámbitos tan diversos como o naval, o metalmecánico, o aeroespacial, o tecnolóxico, o transporte, o mantemento industrial, a automoción, a electricidade e a electrónica, a consultaría, a construción, a enxeñaría ou a fabricación aditiva.

