
A Aula CeMIT de Carballo completou a semana pasada a segunda quenda dos campamentos tecnolóxicos de verán, unha iniciativa organizada polo Concello (no marco do proxecto de divulgación científica Talento km 0), e que, segundo informou o Goberno local, “rexistra un pleno de ocupación, xa que están cubertas todas as prazas nas catro quendas programadas”.
O devandito supón que case 60 nenos e nenas de entre 7 e 14 anos pasarán ao longo dos meses de xullo e agosto por esta oferta formativa, deseñada para impulsar as vocacións tecnolóxicas e o talento local, mediante o achegamento do traballo dixital e o pensamento computacional dun xeito lúdico e práctico.
Co motivo do peche desta segunda etapa, na que a rapazada de 9 e 10 anos traballou na creación de videoxogos e na programación con Scratch, fíxose entrega dos diplomas acreditativos aos participantes.
No acto estiveron presentes o concelleiro de Innovación, Iván Andrade; a concelleira de Educación, Mar Eirís, e a técnica responsable da Aula CeMIT, Milagros Antelo, ademais da monitora da actividade, Lidia Noelia Esmorís.
A Aula CeMIT acolle xa, estes días de agosto, a terceira quenda da programación, dirixida a formar futuros argalleiros da tecnoloxía (Futuros makers). Do 3 ao 14 de agosto, os participantes de entre 11 e 12 anos darán un paso máis na súa aprendizaxe coa introdución a conceptos como o deseño 3D, a robótica con sensores e a intelixencia artificial.
O programa estival pecharase coa cuarta e última quenda, Makers avanzados, dirixida a mozos de 13 e 14 anos, que se desenvolverá entre o 17 e o 28 de agosto arredor da ciberseguridade e a creación de contidos audiovisuais e web.

