
Esta mañá celebrouse a reunión de constitución do Centro de Coordinación Operativa Integrado (CECOPI), na que participaron o conselleiro de Presidencia da Xunta, Diego Calvo, e máis o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen destacou a máxima coordinación entre administracións e o amplo operativo do Goberno para garantir “unha eclipse segura en Galicia”. O CECOPI é o órgano encargado de coordinar o dispositivo de seguridade, emerxencias e protección civil con motivo da eclipse solar total que se poderá contemplar o vindeiro 12 de agosto.
Pedro Blanco explicou que todas as administracións implicadas levan traballando desde o primeiro momento na planificación do operativo, ante a previsión da chegada de milleiros de visitantes a Galicia para presenciar un fenómeno astronómico excepcional. “Todo está preparado para que esta xornada sexa unha experiencia inesquecible e segura”, trasladou.
Detallou que o Goberno de España deseñou un amplo dispositivo específico para o 12 de agosto, no que participarán as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado cun despregamento especial, mentres que Salvamento Marítimo activará todos os seus medios para reforzar a seguridade nas zonas costeiras e no mar.

Así mesmo, explicou que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) reforzará os seus efectivos para monitorizar a circulación durante toda a xornada e que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) comezou a emitir desde este venres 7 de agosto un boletín especial que recollerá a predición meteorolóxica, a posible aparición de fenómenos adversos e o prognóstico do risco de incendios.
Do mesmo xeito, lembrou que a cidadanía poderá consultar información actualizada sobre a eclipse a través da páxina web Trío de Eclipses, “xa que é fundamental informarse mediante canles oficiais”, dixo Pedro Blanco.
Recomendacións
O delegado do Goberno apelou á “responsabilidade” e á “prudencia da cidadanía” para contribuír ao bo desenvolvemento do operativo. Así, recomendou “planificar con antelación os desprazamentos, evitar viaxes innecesarias nas horas de maior intensidade circulatoria e seguir en todo momento as indicacións das autoridades e dos servizos de emerxencias”.
Na súa intervención, Pedro Blanco incidiu tamén “na importancia de observar a eclipse con todas as garantías de seguridade, lembrando que é imprescindible utilizar exclusivamente lentes homologadas para evitar danos na visión durante a contemplación do fenómeno”.
Finalmente, o delegado lembrou que ás 20:30 horas do próximo 12 de agosto “Galicia converterase no primeiro balcón da península para contemplar a totalidade da eclipse solar”. “Coa colaboración de todos desfrutaremos dun momento histórico con seguridade e tranquilidade”, concluíu.
Constitución do CECOPI
Na reunión de constitución do CECOPI, nas instalacións do Centro Integrado de Emerxencias do 112 Galicia, participaron tamén o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo; a xefa da Unidade de Protección Civil da Delegación do Goberno en Galicia, María Dolores Gómez, e representantes da Garda Civil e a Policía Nacional.
O boletín de AEMET
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) emite a partir deste venres un boletín diario coa predición meteorolóxica xeral, información sobre fenómenos meteorolóxicos adversos e o prognóstico do perigo de incendios. Tamén se inclúe a predición da nebulosidade, parámetro crave á hora de observar a eclipse. Este prognóstico tamén poderá consultarse nun visor interactivo accesible desde a web Trio de Eclipses. O boletín estará dispoñible en portada da páxina web da Axencia Estatal de Meteoroloxía e difundirase nas súas redes sociais oficiais e aos medios de comunicación.
AEMET prestará apoio tamén ás autoridades de Protección Civil para permitir unha mellor xestión nunha xornada na que espera unha gran afluencia de persoas a espazos naturais.
Como dixemos, a axencia difundirá nas súas redes sociais infografías con información sobre a nebulosidade prevista e, no caso de que as condicións meteorolóxicas o fagan necesario, sobre os avisos meteorolóxicos en vigor, como fai decote.

