
Telefónica reforza cunha unidade móbil e actuacións de parametrización avanzada na súa rede 5G en Vigo ata o vindeiro día 9 de agosto para garantir a cobertura móbil de datos e voz durante a XXVI edición de O Marisquiño, que, segundo lembra a operadora, concentra cada ano a milleiros de turistas na localidade.
A medida enmárcase dentro do Plan Verán activado pola compañía para responder coa máxima calidade do servizo á alta demanda rexistrada nos eventos musicais, culturais e gastronómicos especialmente multitudinarios que se celebran en Galicia durante a época estival e que supoñen, en palabras da compañía, “un aumento significativo do tráfico de voz e datos polo seu gran interese turístico”.
Telefónica engade que a unidade móbil que se despregou en Vigo con 5G de altas prestacións “permitirá aumentar de forma temporal a capacidade e a velocidade de transmisión de datos, mellorando así a experiencia do usuario e garantindo a conectividade durante o festival”.
Manuel Ángel Alonso, director do Territorio Norte de Telefónica España, destaca: “Telefónica asume o reto de converterse na mellor vía de acceso dos cidadáns ás tecnoloxías dixitais. Contamos coa mellor rede para ofrecer máis e mellores servizos alí onde os nosos clientes máis o necesitan, especialmente en momentos de máxima concentración turística como é este período estival”.
Ademais de en Vigo, Telefónica mellorará a capacidade da súa rede móbil noutros 25 eventos que se desenvolverán en diversas localidades da provincia de Pontevedra, entre os que se atopan a Festas da Auga, de Vilagarcía de Arousa; a Festa do Carneiro ao Espeto, de Moraña; o Festival O Son da Muralla, de Salvaterra de Miño; as Festas do Monte, da Guarda; as Festas da Peregrina, de Pontevedra, ou da Empanada, de Bandeira.
No conxunto de Galicia, o plan estival da operadora inclúe o reforzo da cobertura nun total de 74 grandes eventos que se celebraron ou que se van celebrar nas vindeiras semanas e ata setembro en diversos puntos da xeografía galega. Inclúense tamén actuacións de optimización nas infraestruturas xa existentes, ademais de novos despregamentos no litoral (na Coruña, Arteixo, Ferrol, Pontevedra e Sanxenxo) e un dispositivo especial para a eclipse do próximo 12 de agosto.

