
O Concello de Vigo vai organizar unha gran mostra inmersiva sobre o escritor francés Jules Verne, un proxecto expositivo e de homenaxe que contará cun investimento de máis de dous millóns de euros, concretamente por 2.056.368 euros.
A proposta chamarase Jules Vernes 200 e segundo fixo saber o alcalde, Abel Caballero, consiste “nunha acción extraordinaria que vai facer que Vigo sexa centro de atención dunha parte importante de Europa, porque Julio Verne e o capitán Nemo van revivir na cidade e nós estaremos con eles nunha exposición coas últimas tecnoloxías”.
O Concello instalará a exposición no andar baixo do Auditorio Mar de Vigo tralas obras de reforma do local que contarán cun investimento de 1,8 millóns de euros.
Caballero explicou que o novo espazo, alén da mostra de proxección internacional, acollerá no futuro distintas actividades e congresos. “Engadimos un novo espazo para congresos na cidade”, remarcou.
A sala rectangular na que se instalará a exposición conmemorativa do segundo centenario do escritor francés contará con sete ámbitos temáticos, instalados en catro espazos diferenciados: introdución, inmersiva, metaverso e Julio Verne e Vigo.
Fíos temáticos
Os temas arrincarán por unha das obras máis celebres do autor francés, 20.000 leguas de viaxe submarina. Entre os contidos programados figuran a batalla de Rande, a presenza do capitán Nemo na ría viguesa, o mito do tesouro afundido, a evolución editorial da novela e o legado que o escritor francés deixou na cidade.
O alcalde incidiu en que o deseño da produción adaptarase ao novo espazo expositivo. Durante seis meses a cidadanía de Vigo poderá contemplar unha mostra “única”, afirmou Caballero. “Quero que a vexa todo Vigo, que vaia toda a cidade á mostra inmersiva, porque terá sesións de mañá e de tarde. Terán algo que non viron nunca, porque se trata dunha mostra inmersiva con metaverso que vai iniciarse en Vigo”. Rematada a exposición en Vigo trasladarase a París en 2028.

