
Abegondo vai comezar setembro impulsado formación tecnolóxica en clave creativa e participativa. Farao na Aula CeMIT, cunha actividade argalleira (maker) encadrada no programa Tech Kids (Argallando entre xeracións) que dará comezo o 2 de setembro e que rematará o 4 do mesmo mes. O horario será de 10:30 a 13:00 horas e as sesións estarán dirixidas á rapazada de 12 a 18 anos.
Organiza e impulsa a Rede CeMIT (AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e máis o Concello de Abegondo.
Como dixemos, a sesión encádrase no programa de formación e dinamización tecnolóxica Tech Kids, dirixido a poñer en practica o talento dixital das persoas máis novas, a súa capacidade de resolución de problemas e o desenvolvemento de competencias nunha contorna colaborativa. A proposta reforza ademais o uso dos equipamentos tecnolóxicos dispoñibles nas aulas CeMIT como base para a aprendizaxe aplicada e o desenvolvemento de proxectos autónomos.
Os obradoiros estarán centrados na aprendizaxe practica de tecnoloxías maker, para deseñar e fabricar artefactos. As persoas participantes idearan e desenvolveran proxectos baseados na invención, a creatividade e a colaboración, empregando ferramentas como a programación, a robótica, a impresión 3D, a electrónica creativa, os drons ou a intelixencia artificial.
Trátase de obradoiros gratuítos de robótica, impresión 3D, intelixencia artificial e drons dirixidos a mozos e mozas de 12 a 18 anos, cun enfoque interxeneracional que conecta a xuventude coas persoas maiores.
Ao tratarse dunha iniciativa estendida por toda a Rede CeMIT cun mínimo de 12 xornadas formativas en diferentes concellos galegos, a axenda vaise actualizando de xeito específico en cada localidade.

