
O Concello de Lalín vén de poñer en marcha a nova páxina web Lalín Concello Starlight, Destino Turístico, unha plataforma específica destinada a proxectar a visibilidade do proxecto astronómico local e a consolidar o municipio como destino de referencia no turismo de observación do ceo desde a obtención da certificación oficial Starlight, un distintivo acadado en abril de 2023 como resultado do traballo científico e técnico coordinado polo profesor José Ángel Docobo (USC), en colaboración co equipo de CITMAga e o Concello.
Este distintivo acredita a calidade do ceo nocturno en determinadas zonas do municipio e, sobre todo, o compromiso de Lalín coa divulgación científica, a protección fronte á contaminación lumínica e o desenvolvemento dun turismo cultural e sustentable vinculado á astronomía.

A web estrutúrase nos seguintes apartados: Inicio, Destino Turístico, Starlight, Museo, Rodelas, Ruta e Actualidade, onde se recollen as novas e actividades vinculadas ao proxecto.
Entre estes contidos figura (no apartado Actualidade) tamén a programación da eclipse total de Sol do 12 de agosto, que se visualizará desde o Altar do Sol, como un dos eventos destacados do calendario Starlight, xa que, segundo lembra o Concello, “a visualización de Lalín será unha das programacións máis completas que se promovan en Galicia arredor da eclipse total”. A xornada contará coas explicacións dun dos referentes astronómicos de España, o profesor Docobo, e coas actuacións da Fillas de Cassandra, Caamaño & Ameixeiras e Kike Varela. Sete horas de actividades para desfrutar deste acontecemento astronómico excepcional que non volverá repetirse ata 2180.
Lalín, berce da astronomía moderna en Galicia

A páxina web incorpora unha ampla contextualización histórica que sitúa Lalín como “un dos lugares clave da astronomía galega”, engadiu o Concello, lembrando que o municipio “foi o espazo onde Ramón María Aller Ulloa (1878–1966) iniciou, desde comezos do século XX, unha intensa actividade científica que converteu a capital do Deza no epicentro da investigación astronómica moderna en Galicia”.
Desde o seu observatorio particular realizou observacións pioneiras de estrelas dobres, cálculos orbitais e estudos publicados en revistas europeas de referencia, chegando a ser recoñecido internacionalmente.
O Concello sinala que “este legado mantense vivo grazas ao traballo do Concello de Lalín da man do profesor José Ángel Docobo, catedrático de Astronomía e Astrofísica da USC, especialista internacional en estrelas dobres e director científico de Lalín Starlight desde 2024”.
O seu labor permitiu recuperar o observatorio histórico, dotado desde 2011 dun telescopio de 0,51 metros de apertura, que facilita sesións públicas de observación astronómica e actividades divulgativas para todos os públicos.
Rodelas e roteiro do Matemático Rodríguez

A web dedica un apartado específico ao lugar de Rodelas, na parroquia de Maceira, considerado a “zona cero” da certificación Starlight, tanto pola súa situación elevada como polos baixos niveis de contaminación lumínica que presenta.
Tamén se recolle o Roteiro do Matemático Rodríguez, dedicado a José Rodríguez González, “o Matemático de Bermés”, que se vén de sinalizar. O percorrido, deseñado polo profesor Docobo e o seu equipo, combina divulgación científica sen barreiras, interpretación histórica e observación astronómica, conectando ciencia, territorio e patrimonio.

