
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, visitou hoxe a sede do Instituto Tecnolóxico (ITG) na Coruña, un referente galego, estatal e europeo no desenvolvemento de novas ferramentas e sistemas asociados ao sector UAV (siglas de Vehículos Aéreos non Tripulados). O seu traballo céntrase principalmente en proporcionar maior autonomía, seguridade, intelixencia de voo e integración eficiente no espazo aéreo.
Por exemplo a través do Proxecto AIRUS, a través do cal o ITG desenvolveu tecnoloxía avanzada de U-Space para a xestión e o control coordinado de frotas de drons. Esta solución permite que múltiples aeronaves voen á vez de forma segura sobre contornas complexas, como os portos da Coruña e Ferrol, automatizando os plans de voo e emitindo alertas en tempo real.
Tamén a través da firma ITG Drone Solutions, unha iniciativa para consolidar a vertente comercial das solucións tecnolóxicas aeroespaciais do Instituto Tecnolóxico de Galicia. Máis en concreto, trátase dunha spin-off que ten o obxectivo de “dar resposta ás necesidades do sector dos drons”. A nova firma achega ao mercado a longa e frutífera experiencia do equipo de enxeñería de sensores e drones do centro, nunha contorna de demanda crecente do sector.
Na súa visita ao ITG, Ardao destacou o papel da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA) como instrumento para impulsar as capacidades de Galicia neste sector. Tamén sinalou que a Xunta vai destinar 183 millóns de euros en cinco anos e que aspira a mobilizar máis de 900 millóns público-privados.
Neste marco, a directora xeral explicou as dúas grandes convocatorias xa en marcha dentro da IESDA. Por un lado, lembrou que as empresas galegas aínda teñen ata o 30 de setembro para participar nos acordos de asociación para desenvolver grandes proxectos industriais de tecnoloxías duais que se fabriquen en Galicia, unha medida para a que o Goberno galego destinará 40 millóns de euros mediante a fórmula da Compra Publica Precomercial. E por outro, puxo en valor a primeira convocatoria de axudas cun orzamento de 1,5 millóns de euros para facilitar que as empresas galegas obteñan certificacións como subministradoras para o sector da seguridade e a defensa.
Ao abeiro da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA) 2025-2030, impulsada pola Xunta de Galicia cun orzamento público de 183 millóns de euros, o ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) actúa como un dos piares tecnolóxicos e de infraestrutura fundamentais.

