
A compostelá Tesla Technologies desenvolveu o visor móbil da páxina web informativa Trío de Eclipses, unha ferramenta web que permite calcular con precisión que poderemos ver desde unha localización concreta durante as eclipses solares previstas en España entre 2026 e 2028.
O visor emprega os cálculos oficiais de traxectoria do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Xeográfico Nacional) e combina xeolocalización coa realidade aumentada para trasladar esa información ao punto exacto no que se atopa o usuario. Deste xeito, ademais de indicar a hora de inicio de cada fase da eclipse e a duración da totalidade, pode mostrar a través da cámara do teléfono se un edificio, unha montaña ou unha árbore quedarán na liña de visión do Sol.
A tecnoloxía resulta especialmente relevante para a eclipse do 12 de agosto de 2026, xa que a totalidade terá lugar preto do horizonte e ao atardecer. A baixa elevación do Sol aumenta o risco de que obstáculos relativamente próximos impidan observar o fenómeno, polo que os mapas xerais da franxa de totalidade non son suficientes para determinar as condicións reais desde cada punto.
O sistema funciona como unha aplicación web, sen necesidade de instalar ningún programa no teléfono. Está dispoñible en varios idiomas e foi desenvolvido seguindo os criterios de accesibilidade e seguridade aplicables aos servizos dixitais do sector público. A infraestrutura emprega os estándares asociados ao Esquema Nacional de Seguridade (ENS).
A ferramenta forma parte da plataforma oficial do Trío de Eclipses, iniciativa coordinada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Os datos astronómicos proceden do Observatorio Astronómico Nacional, mentres que Tesla Technologies asumiu o desenvolvemento tecnolóxico do visor.
«O verdadeiro reto non era só despregar tecnoloxía de realidade aumentada de alta precisión en calquera dispositivo, senón estar á altura do extraordinario rigor científico do Observatorio Astronómico Nacional», explica Esteban Vázquez, CEO de Tesla Technologies. Engade que o obxectivo foi facer accesibles eses cálculos para que calquera usuario poida coñecer as condicións de observación desde a súa localización sen necesidade de coñecementos astronómicos.
O visor serve para planificar a observación, pero non substitúe as medidas de protección ocular. A observación directa do Sol require filtros homologados, xa que mirar o astro sen protección axeitada pode provocar lesións oculares graves e irreversibles.

