
Telefónica anunciou que vai reforzar as comunicacións en Vilagarcía cunha unidade móbil e actuacións de parametrización avanzada na súa rede 5G. Farao ata o próximo día 17 de agosto para, en palabras da operadora, “garantir a cobertura móbil de datos e voz durante a Festa da Auga, que recibe cada ano a miles de turistas na localidade”.
A medida enmárcase dentro do Plan Verán activado pola compañía de telecomunicacións para responder “coa máxima calidade do servizo á alta demanda rexistrada nos eventos musicais, culturais e gastronómicos especialmente multitudinarios que se celebran en Galicia durante a época estival”. A operadora lembra que estas citas “supoñen un aumento significativo do tráfico de voz e datos polo seu gran interese turístico”.
A unidade móbil que se despregará en Vilagarcía con 5G de altas prestacións permitirá aumentar de forma temporal a capacidade e a velocidade de transmisión de datos, buscando “mellorar a experiencia do usuario e garantindo a conectividade durante o festival”.
Manuel Ángel Alonso, director do Territorio Norte de Telefónica España, destacou que “Telefónica asume o reto de converterse na mellor vía de acceso dos cidadáns ás tecnoloxías dixitais. Contamos coa mellor rede para ofrecer máis e mellores servizos alí onde os nosos clientes máis o necesitan, especialmente en momentos de máxima concentración turística como é este período estival”.
Dúas ducias de eventos en Pontevedra
Ademais de en Vilagarcía, Telefónica optimizará a capacidade da súa rede móbil noutros 25 eventos que se desenvolverán en diversas localidades da provincia de Pontevedra, entre os que se atopan as Festas do Monte, da Guarda, as Festas da Peregrina, de Pontevedra, ou da Empanada, de Bandeira.
No conxunto de Galicia, o plan estival da operadora inclúe o reforzo da cobertura nun total de 74 grandes eventos que se celebraron ou que se van celebrar nas vindeiras semanas e ata setembro en diversos puntos da xeografía galega. Tamén actuacións de optimización nas infraestruturas xa existentes, ademais de novos despregamentos no litoral -na Coruña, Arteixo, Ferrol, Pontevedra e Sanxenxo- e un dispositivo especial para a eclipse do próximo 12 de agosto.

