
GALPon puxo en marcha TubeLibre, unha nova plataforma galega de vídeo baseada en software libre que nace para dar cobertura ás gravacións de eventos e proxectos vinculados ao software libre e á cultura aberta. O servizo pretende ofrecer un espazo propio para estes contidos, sen depender dos servidores doutras entidades ou de voluntarios.
A orixe do proxecto está nunha necesidade concreta: publicar as gravacións do Congreso esLibre, celebrado os días 17 e 18 de abril en Melide. As empresas galegas Librebit e Aitire facilitaron o espazo de aloxamento, mentres que voluntarios de GALPon encargáronse da instalación e configuración da plataforma. O resultado é TubeLibre, definida como unha «plataforma de vídeo libre, galega e federada para a divulgación e o coñecemento aberto».
TubeLibre funciona sobre PeerTube, software libre desenvolvido pola asociación francesa Framasoft. A plataforma non incorpora algoritmos para determinar que contidos se mostran nin sistemas de rastrexo das persoas usuarias, ao tempo que permite manter o control sobre os contidos e a infraestrutura.
Unha das características máis relevantes de PeerTube é a federación mediante ActivityPub. Esta tecnoloxía permite que TubeLibre se conecte con outras instancias de PeerTube de todo o mundo para formar unha rede de plataformas autónomas pero interconectadas. Deste xeito, os contidos poden localizarse desde un buscador común sen que sexa necesario concentrar todo o vídeo nun único servizo.
GALPon ofrece TubeLibre a entidades e colectivos que traballen a prol da cultura libre en Galicia. Debido ás limitacións do espazo de almacenamento dispoñible, o servizo está inicialmente orientado a contidos divulgativos e formativos. Outros usos deben ser consultados previamente co equipo responsable da plataforma.
As entidades interesadas en publicar vídeos poden contactar con GALPon a través da páxina de contacto de TubeLibre, por correo electrónico ou polas redes sociais para acordar a creación dunha conta.
A estrea da plataforma realízase cunha importante colección de contidos, pois a canle esLibre_26 reúne 47 vídeos e varias horas de gravacións do Congreso esLibre celebrado en Melide, incluíndo os relatorios, as sesións nas distintas salas e os obradoiros desenvolvidos ao longo dos dous días do encontro.

