
O Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe a convocatoria da V edición dos Premios á Excelencia Empresarial Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago, que distinguen a empresas destacadas pola conciliación laboral e familiar, a economía circular e a innovación entre outras boas prácticas.
Segundo informou o Concello, estes premios buscan “ser un estímulo para alcanzar a excelencia, fomentar o intraemprendimiento na empresa, o desenvolvemento de ideas de negocio viables nas que se poña en valor un desenvolvemento respectuoso cos recursos naturais, como elemento que contribúe a alcanzar a viabilidade e consolidación empresarial”.
O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados desde mañá, 12 de agosto.
Requisitos e dotación económica
Poden optar aos premios todas as empresas que teñan a súa sede social fiscal e, cando menos, un centro de actividade no Concello de Santiago, baixo calquera forma xurídica admitida en dereito, e sexa cal for o seu campo de actividade.
Haberá seis categorías, cada unha dotada con 6.000 euros, o que resultará un total de 36.000 euros en premios. Ademais, outorgaranse tres mencións por importe de 2.000 euros cada unha.
O obxecto dos Premios á Excelencia Empresarial da Axenda Urbana 2030 é recoñecer as empresas que se tivesen distinguido polas boas prácticas no eido da conciliación laboral e familiar, da economía circular, da innovación, da comercialización en produtos e servizos culturais, dos retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, das boas prácticas de empresas de economía social e tamén, boas prácticas que apostan por reter, atraer ou mellorar o talento.
Premio a Balidea
O Concello de Santiago, ao abeiro deste galardón na súa edición 2025, distinguiu a empresa tecnolóxica local Balidea na categoría de boas prácticas en materia de conciliación. O premio recoñeceu o compromiso da consultora tecnolóxica co equilibrio entre a vida persoal e laboral, a flexibilidade e o teletraballo. A entrega realizouse nun acto oficial no Pazo de Raxoi presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín.

