
A Consellería de Educación e Ciencia recoñeceu a excelencia de 480 estudantes de grao do Sistema Universitario de Galicia cos Premios Ángela Ruiz Robles, que leva o nome da profesora e investigadora que inventou o precedente do libro electrónico actual.
Os galardóns, dirixidos ao alumnado con mellores notas de cada curso de grao, teñen unha dotación económica de ata 1.600 euros e concédense a proposta das universidades galegas.
Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, 183 dos premiados estudan na Universidade de Santiago de Compostela, 144 na Universidade de Vigo, 131 na Universidade da Coruña e 22 na Universidad Intercontinental de la Empresa. O 63% das premiadas nesta ocasión son mulleres e o 37%, homes. Os galardóns correspóndense coas cualificacións do curso 2024/25.
No que atinxe ás ramas de coñecemento, Ciencias Sociais e Xurídicas é a que conta con maior número de persoas galardoadas, un total de 216 (45%); seguida de Enxeñaría e Arquitectura, con 97 (20%); Ciencias da Saúde, con 63 (13%); Artes e Humanidades, con 54 (11%), Ciencias, con 50 premiados (11%).
Mellores cualificacións
En canto ás mellores cualificacións, na USC a máxima cualificación é un 10, que obteñen sete alumnos: dous do grao en Medicina, un en Matemáticas, un en Comunicación Audiovisual, un en Psicoloxía, un en Xornalismo e un no dobre grao en Mestre de Educación Infantil e de Educación Primaria.
Na Universidade de Vigo acadaron o 10 oito alumnos, dous no grao en Educación Primaria, dous do de Publicidade e Relacións Públicas, dous no de Ciencias da Actividade Física e do Deportes, un no de Educación Infantil e un no programa de simultaneidade dos graos en Administración e Dirección de Empresas e en Enxeñaría Informática.
No caso da Universidade da Coruña, a nota máxima é un 9,9 no grao en Relacións Internacionais; mentres que na Universidade Intercontinental de la Empresa é un 9,5 no grao en Administración e Dirección de Empresas.
Para optar ao recoñecemento, o alumnado debía ter no curso unha nota media igual ou superior a oito puntos e ter superado a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo serán 60. Cada galardoado recibe unha contía base de 1.100 euros e, no caso de existir remanente as persoas premiadas que teñan unha nota media igual ou superior a 9 recibirán unha contía complementaria de 500 euros, comezando desde os expedientes con maior nota media ata esgotar o orzamento. Nesta ocasión reciben a contía completa de 1.600 euros un total de 236 persoas.
Referente no ensino innovador
Os galardóns reciben o nome de Ángela Ruiz Robles, mestra e exemplo de valores como o esforzo, o tesón, a excelencia, a continua aprendizaxe e a vocación de servizo. Ademais, en 1949 inventou e rexistrou a patente da enciclopedia mecánica, que está considerada o antecedente do libro electrónico.
Nada no ano 1895 en Villamanín (León), Ángela Ruiz Robles trasladouse en 1918 a Ferrol. Foi docente e directora de varias escolas, como a de nenas no Hospicio de Ferrol ou o Instituto Ibáñez Martín. Así mesmo, fundou a Academia Elmaca na que desenvolveu un labor pedagóxico e social que lle valeu a concesión en 1947 da Cruz de Alfonso X o Sabio, por accións como impartir clases nocturnas gratuítas ás persoas con poucos recursos.

