
O Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora ao seu patrimonio documental un fondo sonoro dixitalizado sobre Enrique X. Macías (Vigo, 1958-1995), resultado de varios anos de traballo de recuperación, investigación e dixitalización desenvolvido polo percusionista e investigador Roberto Oliveira-Ogando.
A sede da institución acolleu esta mañá o acordo da cesión que asinaron a presidenta, Dolores Vilavedra, e máis o investigador Roberto Oliveira, contando coa asistencia da alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e do director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo.
“O acordo permitirá poñer este material á disposición de investigadores e investigadoras e contribuír á preservación e difusión da obra dun dos compositores galegos máis relevantes da música contemporánea da segunda metade do século XX” apuntou Alejo Amoedo, director do Arquivo Sonoro.
O fondo está integrado por 186 gravacións, procedentes tanto do ámbito familiar como de edicións discográficas e materiais relacionados coa actividade artística de Macías. Entre elas destacan 165 cintas magnetofónicas, ademais de exemplares de edicións en vinilo e discos compactos. O conxunto da documentación dixitalizada alcanza os 1.794 ítems.
O CCG explicou que un dos principais valores da colección reside na recuperación de gravacións inéditas, entre elas rexistros de concertos celebrados en Xapón, acompañados dos correspondentes programas de man e documentación asociada. O fondo inclúe tamén os materiais complementarios vinculados ás gravacións (portadas, contraportadas, fichas, partituras e outra documentación en PDF e formato dixital), así como publicacións elaboradas por Roberto Oliveira no marco do seu proceso de investigación.
Un proceso de recuperación iniciado en 2019
Roberto Oliveira explicou no acto o traballo de recuperación do fondo que comezou en 2019 e que serviu de base para unha tese dedicada ao compositor e aos procesos electroacústicos, realizada con Montserrat Capelán e defendida hai dous meses.
Antes de abordar a análise da súa obra, Oliveira desenvolveu unha recuperación patrimonial que se prolongou durante varios anos e incluíu unha estadía específica para a dixitalización das cintas magnetofónicas para o que contou co apoio do concello de Salceda de Caselas. A súa alcaldesa, Loli Castiñeira, destacou “a importancia de apoiar o traballo deste investigador local e de contribuír desde o concello á recuperación do patrimonio musical, ao tempo que destacou que a especial sensibilidade do concello e dos seus habitantes polo patrimonio musical”.
En 2018 produciuse o retorno a Vigo dunha parte importante do fondo documental. O proceso específico de dixitalización das cintas comezou en setembro de 2019 e rematou en xuño de 2023. “Este labor permitiu recuperar unha parte substancial dun patrimonio sonoro especialmente fráxil e de difícil acceso”, explicouse.
Ademais do Concello de Salceda de Caselas, Oliveira contou co apoio do Grupo Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela e da produtora ONME Gestión Cultural S.L. que contribuíu economicamente ao proceso de dixitalización.
Un patrimonio sonoro para a investigación
O fondo reúne tanto documentación sonora como información contextual e materiais xerados no propio proceso de investigación.
Roberto Oliveira anunciou que o seu traballo proseguirá coa recuperación e difusión deste patrimonio e posibilitar no futuro a edición de gravacións inéditas da obra de Macías en formato discográfico. Está previsto tamén que en outubro se presente un catálogo do fondo, “que permitirá coñecer con maior detalle os materiais recuperados e facilitará a súa consulta e investigación”.
A incorporación deste fondo ao Arquivo Sonoro de Galicia, centro do Consello da Cultura Galega, súmase a outras iniciativas desenvolvidas nos últimos anos para garantir a conservación e accesibilidade do legado de Enrique X. Macías. En 2024, a familia do compositor asinou un contrato de comodato coa Universidade de Santiago de Compostela, mediante o que o patrimonio artístico e documental de Macías —partituras, cartas, cintas magnetofónicas e obxectos persoais— quedou á disposición da comunidade universitaria.
A figura (vida e obra) de Enrique Macías está incluída nunha entrada específica do Álbum de Galicia, a enciclopedia en liña de personalidades da nosa terra habilitada polo CCG.

