
O Concello de Ferrol impulsou a subministración, implantación, posta en marcha e mantemento dun sistema integral de xestión para a Policía Local, unha nova ferramenta coa que o Goberno local quere avanzar na dixitalización, modernización e mellora da xestión diaria do servizo.
“Dotar á Policía Local dos medios necesarios é unha prioridade, e iso significa tanto contar cos recursos materiais e humanos axeitados como dispoñer das mellores ferramentas tecnolóxicas”, asegurou o alcalde, José Manuel Rey Varela, lembrando que dende o ano 2015, o Concello dispón para a operativa policial dunha solución desenvolvida polo Centro de Recursos Informáticos (CRI), unha ferramenta propia que resultou funcional e de gran utilidade todos estes anos e permitiu, ademais, “construír un ecosistema de integracións e capacidades de análise de especial interese tanto para o funcionamento da Policía Local como para a xestión municipal baseada en datos”.
Porén, explicou, “debido a evolución das necesidades do servizo e os novos requirimentos operativos, tecnolóxicos e normativos, faise necesario dar un novo paso”.
O rexedor engadiu ademais que “as limitacións existentes para continuar evolucionando a ferramenta actual ao ritmo que demanda o servizo, derivadas de diferentes factores organizativos, técnicos e de dispoñibilidade de recursos, dificultan manter determinadas funcionalidades permanentemente actualizadas e limitaron a capacidade de adaptación da solución”.
Por este motivo, “é necesario licitar unha nova ferramenta que substitúa á actual App Seguridade, mantendo como mínimo as capacidades funcionais das que xa dispón a Policía Local e incorporando novas prestacións que permitan unha xestión máis integral, áxil e eficiente da actividade policial”, afirmou Rey Varela.
O rexedor avanzou que “o novo sistema terá como finalidade modernizar, dixitalizar e centralizar a xestión da actividade da Policía Local, mediante unha plataforma integrada que permita xestionar as actuacións policiais, a Sala do 092, o traballo en mobilidade e as diferentes áreas funcionais vinculadas ao servizo”.
Ademais, entre as súas prestacións estará tamén a mellora da coordinación, asignación e seguimento dos recursos e das actuacións policiais, así como o reforzo da seguridade, integridade, confidencialidade e rastrexabilidade da información.
A nova ferramenta permitirá reducir o emprego de procedementos manuais e evitar a dispersión de datos entre diferentes aplicacións, facilitando a interoperabilidade cos sistemas municipais e coas plataformas doutras administracións.
Tamén incorporará ferramentas de consulta, estatísticas, análise e explotación da información que permitan mellorar a planificación do servizo e a toma de decisións.
O orzamento de licitación ascende a 139.670,30 euros, cun prazo de execución do contrato é de 28 meses, prorrogables por outros 24 meses máis.

