
Os obradoiros Girl STEAM impulsados polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) no marco do convenio de colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), van ter un punto culminante a comezos de setembro, o día 3, cunha xornada presencial no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura. A sesión dará comezo ás 10.00 horas e estenderase ata as 14h.
Este obradoiro permitirá aos rapaces e rapazas coñecer e traballar cos principais ítems tecnolóxicos dunha casa domótica sen barreiras. Levarase a cabo o deseño dunha casa sostible e eficiente. Trátase dunha sesión para rapaces e rapazas de entre 7 e 11 anos. As inscricións están abertas en liña.
A nova edición da iniciativa Girl STEAM é a nova entrega dun programa de obradoiros prácticos orientado a espertar vocacións tecnocientíficas entre a mocidade galega e contribuír a reducir a fenda de xénero nas profesións vinculadas á Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñaría, as Artes e as Matemáticas (siglas do termo STEAM).
En total son 30 obradoiros en 19 concellos que deron comezo o día 29 de xuño en Betanzos e Pontevedra.
As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas da Rede CeMIT, e adicionalmente tamén se celebrará un obradoiro no Centro GaiásTech na Cidade da Cultura.
Aprender tecnoloxía desde a creatividade e a colaboración

Os obradoiros combinan actividades prácticas de robótica, creación audiovisual e programación creativa, fomentando valores e competencias clave para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade.
Este ano traballarase co kit de placas Arduino e empregarase Mblock como contorna de programación.
No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como: a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía, o uso creativo da tecnoloxía, máis aló do mero uso e consumo, a colaboración e o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.

