
O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, recibiu no Centro de Coordinación Central de San Lázaro ao xeneral de brigada Andrés González, como xefe da Forza Galicia (JEFZA Galicia) da Operación Centinela, para avaliar o inicio desta misión de vixilancia dos montes galegos fronte aos incendios forestais, unha misión que vén cun importante compoñente tecnolóxico para incrementar a efectividade a o alcance dos operativos.
Esta operación iniciouse o pasado luns, 10 de agosto, co despregamento dun total de 35 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil polo territorio galego e estará operativa ata o vindeiro 25 de setembro. O obxectivo desta colaboración é reforzar a vixilancia e a identificación dos potenciais causantes deste incendios, ao tempo que se busca que a propia presenza dos militares no monte disuada aos posibles responsables de prácticas delituosas.
Previamente a Consellería do Medio Rural asinou un convenio co Ministerio de Defensa para poder favorecer este despregamento que, este ano, adiantouse cinco días con respecto ao ano anterior, dadas as condicións climáticas máis adversas. Ademais, a operación conta cun investimento por parte da Administración autonómica de preto de 594.000 euros e contempla a posibilidade de que as patrullas poidan realizar vixilancia aérea complementaria mediante unidades de dron no caso de ser necesario.
Esta xuntanza serviu tamén para que o xeneral de brigada Gónzalez puidese coñecer as instalacións do Centro de Coordinación Central, así como a estrutura organizativa da loita contra os lumes na comunidade, así como as diferentes aplicacións informáticas que se empregan nas tarefas de prevención e extinción de incendios.
Novidades tecnolóxicas
As patrullas, integradas por militares da Brigada “Galicia” VII (BRILAT) do Exército de Terra e do Terzo Norte de Infantería de Marina da Armada (con sede en Ferrol), realizarán labores de supervisión diaria en 8 distritos forestais e 39 municipios da xeografía galega.
A principal innovación tecnolóxica do operativo pasa pola incorporación de sistemas aéreos non tripulados (drons). Estas aeronaves achegarán capacidade de recoñecemento aéreo en tempo real, tanto diúrno como nocturno, para a detección temperá de focos de calor e a perimetraxe de incendios.
Cada patrulla estará equipada con dispositivos GPS facilitados pola Administración autonómica para optimizar a eficacia dos desprazamentos.
Con estas ferramentas dixitais e ópticas de última xeración, o dispositivo optimiza a alerta temperá ante conatos de calor, o que permite unha resposta rápida para evitar que se transformen en grandes incendios.
O convenio entre Defensa e a Xunta contempla que, se as condicións meteorolóxicas ou a evolución da campaña obrigan a reforzar o dispositivo ou prolongalo máis aló do 25 de setembro, ambas as administracións poidan facelo mediante unha modificación do acordo e o correspondente financiamento adicional.

