
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) fixo balance do seu proceso recente de transformación tecnolóxica, poñendo o foco no sistema de fidelización, que, segundo sinalou a entidade, “continúa consolidándose como unha das nosas principais ferramentas de dinamización comercial”. Nos primeiros sete meses de 2026 rexistráronse 24.962 operacións na plataforma da patronal de Boiro, un 12,7 % máis que no mesmo período do ano pasado.
Estes rexistros corresponden a tíckets e facturas de compras realizadas nos negocios asociados que, no seu conxunto, representan un volume de 855.726 euros en compras rexistradas na plataforma.
No seu balance, a ABE indica que o tícket medio sitúase nos 35 euros, “o que permite dimensionar non só o nivel de utilización do sistema, senón tamén a actividade económica que se canaliza a través del”.
A evolución confirma o crecemento do uso do sistema. Entre xaneiro e xullo de 2025 contabilizáranse 22.147 rexistros, fronte aos 24.962 do mesmo período de 2026, o que supón 2.815 operacións máis.
A ABE engade que o incremento prodúcese en seis dos sete meses analizados. Marzo foi o mes que rexistrou un maior crecemento interanual, cun 32,7 % máis de operacións que en 2025, seguido de maio (+21,1 %) e xuño (+20,6 %). Xullo, pola súa banda, alcanzou 4.243 rexistros, o mellor dato mensual do período.
A 31 de xullo, o sistema contaba con 5.563 usuarios rexistrados. Deles, 1.200 acumularon puntos durante 2026, mentres que 200 usuarios superan xa os 100 puntos acumulados e 60 superan os 300.
Durante este ano entregáronse ademais 305 premios vinculados ao programa de fidelización.
Unha rede compartida polos 222 negocios asociados
A ABE aclara que un dos principais valores do sistema “é a súa dimensión colectiva”. Deste xeito, os 222 negocios asociados á ABE forman parte da plataforma, polo que os clientes poden rexistrar os seus tíckets e facturas de calquera dos establecementos participantes.
“Polo tanto”, din, “o sistema non funciona como un programa de fidelización illado de cada negocio, senón como unha rede común que conecta os clientes co conxunto do comercio asociado”.
As compras permiten acumular puntos e acceder a diferentes premios. Entre eles atópanse os Bonos ABE de 5 euros, que posteriormente poden volver utilizarse nos establecementos asociados.
Para a ABE, “este funcionamento crea un círculo de actividade económica no propio comercio local: o cliente realiza unha compra, acumula puntos, consegue unha recompensa e esa recompensa pode converterse nunha nova compra nun dos negocios da rede”.
Unha ferramenta de fidelización, pero tamén para sorteos e campañas
A asociación salienta ademais que a plataforma ten unha segunda función que está cobrando especial importancia: servir como infraestrutura dixital para desenvolver sorteos e campañas promocionais puntuais ao longo do ano.
Deste xeito, indican, “durante o período analizado realizáronse cinco campañas vinculadas ao sistema, nas que se repartiron 13 lotes de premios e 1.000 euros en Bonos ABE adicionais, complementando os premios propios do programa de fidelización”.
Esta combinación permite que o sistema funcione durante todo o ano como unha ferramenta estable de fidelización e, ao mesmo tempo, como unha infraestrutura preparada para activar sorteos, campañas, promocións e accións especiais en momentos concretos.
Unha ferramenta ao servizo do comercio asociado
A ABE salienta que un dos principais valores do sistema é “que os establecementos asociados poden beneficiarse da ferramenta sen ter que crear ou xestionar o seu propio programa de fidelización”.
A plataforma, o sistema de puntos, os premios e a organización das diferentes campañas forman parte dos servizos que a asociación pon á disposición das empresas asociadas.
“Temos unha ferramenta que xa conta con miles de usuarios, que xera decenas de miles de operacións e que está medrando ano tras ano. Ademais, estamos falando dun sistema que xa está detrás de máis de 855.000 euros en compras rexistradas nos primeiros sete meses do ano. O importante agora é que os propios negocios asociados a incorporen á súa comunicación habitual e lles expliquen aos seus clientes que as compras que realizan neles poden converterse en puntos, premios e novas oportunidades de compra”, sinala o presidente da ABE, Daniel García, poñendo o foco no principal potencial da ferramenta: a súa capacidade para unir a fidelización individual de cada negocio coa forza dunha rede comercial compartida.
“Un establecemento podería crear o seu propio programa de puntos, pero a gran vantaxe do sistema ABE é que o cliente pode participar con todas as súas compras nos 222 negocios asociados. Iso fai que a ferramenta sexa moito máis útil para o consumidor e tamén para o conxunto do comercio local”, engade García.
Co crecemento rexistrado en 2026, a ABE pretende seguir potenciando o sistema como “unha ferramenta estable para incentivar a compra no comercio asociado, premiar a fidelidade dos clientes e facer que unha parte dese valor volva ao propio tecido empresarial local”.

